Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Iniciativa da USC e a Fundación Azkar

Manifesto polo deporte galego en galego

Ducias de deportistas e diversos persoeiros impulsan unha idea a prol da nosa lingua no ámbito deportivo.

Redacción - 09:00 04/02/2009

Foron moitos os deportistas do país que se reuniron na noite do martes no Colexio de Fonseca para reivindicar o uso do galego no mundo do deporte. A iniciativa está impulsada pola Vicerreitoría de Cultura da USC e a Fundación AZKAR. Materializarase no ‘Manifesto polo deporte galego en galego’, que bota a andar coa sinatura de todos os presentes. Entre outros, estiveron aló o vicerreitor de Cultura da USC, Elias Torres; o xerente da Fundación AZKAR, Oscar Hermida; a directora xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Souto; o xefe de Deportes da Radio Galega, Terio Carrera; e a ciclista Eva Castro. Foi así presentado o chamado Foro do Deporte Galego en Galego, que arrinca co compromiso de que “a nosa lingua común sexa a nosa forma habitual de expresión, o galego que nos une”.

Velaquí o documento completo:

MANIFESTO POLO DEPORTE GALEGO EN GALEGO

As persoas que aquí estamos cremos nos valores que o deporte nos ofrece, amamos o deporte como actividade de superación e mellora constante, de responsabilidade e de dedicación.

Cremos no deporte como lugar de encontro e fraternidade.

Iso é o que entendemos que é a nosa lingua: o espazo onde melloramos e onde nos encontramos, o vínculo referencial e colectivo de todas as galegas e todos os galegos; a nosa maneira de estar no mundo e estender a todo ese mundo unha mensaxe de respecto e fraternidade.

Hoxe abrimos este Foro do Deporte Galego en Galego, impulsado pola Fundación Azkar e a Universidade de Santiago de Compostela a través da Vicerreitoría de Cultura, co compromiso de que a nosa lingua común sexa a nosa forma habitual de expresión, o galego que nos une.

Queremos contribuír co noso esforzo no deporte, practicándoo, contándoo, vivíndoo, a un futuro mellor, onde gocemos do noso grande patrimonio vivo, onde podamos contar o esforzo e a superación, o triunfo e os novos retos, vivindo en galego.

Desde este Foro que hoxe comeza a andar, queremos facer un chamamento a todas as persoas que entenden o noso idioma como parte de todas e todos nós, particularmente a todas e todos os deportistas, institucións, entidades e, en xeral, a todas as xentes do deporte, a unírense a este Foro e a desenvolver, na medida das súas posibilidades, accións individuais ou colectivas, que permitan avanzar nese obxectivo, desde a fraternidade dunha Galiza cada vez mellor e nunha sociedade máis xusta e máis humanizada, máis deportiva.


4,88/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: