Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Falamos con Álvaro Pino

"Mosquera vai ao Giro loitar cos mellores"

O director técnico do equipo ciclista profesional galego analizou o novo escenario que se abre ante o equipo co convite para participar na carreira italiana.

Pablo García Martínez - 18:55 02/02/2009
Álvaro Pino durante a pasada edición da Vuelta

Álvaro Pino durante a pasada edición da Vuelta

Vieiros Falou con Álvaro Pino, director técnico e líder na sombra do Xacobeo Galicia, para analizar a situación do equipo antes de empezar a tempada. A recente invitación ao Giro de Italia foi un dos temas principais dunha conversa en que tamén se falou da futura sucesión de Ezequiel Mosquera ou da adaptación de Iván Raña á súa nova disciplina de traballo. Pino tamén avaliou o crecemento que o ciclismo galego experimentou da man do Xacobeo. Sobre este tema mostrouse feliz e recoñeceu que "a xente está conectando dun xeito espectacular co Xacobeo"

A participación no Giro permítelle ao Xacobeo subir un novo chanzo na súa consolidación como o equipo ciclista profesional do país?

Sen dúbida. O equipo xa era coñecido tanto aquí coma no estranxeiro, pero participar no Giro do centenario é un pulo importante e consolida internacionalmente a nosa imaxe.

Cales ves como os principais candidatos á vitoria final?
Eu penso que os principais candidatos son Armstrong e Basso, dous corredores con moita calidade, e prevexo unha loita fermosa entre eles. Despois debería estar un grupo de italianos como Cunego, Simoni ou Rebellin. Estes corredores sempre fan un bo papel no Giro porque ao correr na súa terra motívanse máis.

En principio Ezequiel Mosquera debería estar loitando cos homes da cabeza, non é?
Si, claro, el demostrou ter calidade para loitar cos mellores e imos ao Giro con esa idea. Por capacidade debe estar adiante, pero ata que se chega á carreira non se sabe como van ir as cousas. Despois pode acabar terceiro, cuarto, oitavo ou 15º.

Sempre que falas do teu equipo queda claro que ten un único líder natural, que é Ezequiel Mosquera. Tendo en conta que durante esta tempada cumpre 33 anos, no equipo xa se pensa algo en como se vai cubrir o inmenso baleiro que podería deixar nun futuro a súa ausencia?
En primeiro lugar hai que dicir que Ezequiel é un corredor con moito percorrido por diante, xa que non está castigado. El antes de comezar a competir connosco correu pouco e, de feito, as Vueltas en que tan bos resultados acadou foron as súas únicas carreiras de tres semanas. Ademais, o ciclismo é un deporte de fondo e entón o desgaste que a idade produce noutros deportes aquí adoita percibirse máis tarde. Fóra diso, está claro que nós estamos traballando coa base e hai unha serie de corredores que teñen que ir medrando e collendo protagonismo. É o caso de Gonzalo Rabuñal, Serafín Acevedo, Mourón ou Delio Fernández, que cumprirán este ano a súa terceira tempada co Xacobeo. Hai que confiar neles. O normal é que remate saíndo ese líder natural que algún día poida cubrir o espazo de Ezequiel, malia que agora nin Ezequiel nin nós mesmos queremos pensar niso.

Outro dos grandes reclamos do equipo este ano é a chegada de Iván Raña. Como respondeu na concentración da Guarda, nos primeiros adestramentos duros do ano?
A toma de contacto foi relativamente positiva e semella que a adaptación está sendo boa. En Mallorca comeza o seu calendario e dende aí imos ver como evoluciona, e poderemos comezar a sacar conclusións.

Cando o presentastes falabades dun corredor que debería ter a súa especialidade nas subidas. Está confirmando estas expectativas?
Si que responde ao perfil dun escalador, pero primeiro temos que pensar en que teña unha boa adaptación ao profesionalismo e despois xa veremos ata onde podemos "apertalo".

Como están a correr, en xeral, os primeiros meses de preparación do equipo?
A concentración do Baixo Miño foi positiva, malia que a climatoloxía non acompañou e por iso este ano estamos un pouco máis atrasados que o ano pasado. Aínda así isto non é un problema serio porque vai haber moitas carreiras para que a xente colla a forma, e máis agora que imos correr dúas grandes voltas. Nós estamos traballando ben e imos chegar fortes aos primeiros obxectivos do ano, que son a Volta a Euskadi, do 6 ao 11 de abril; e o Giro de Italia, do 9 ao 31 de maio.

Percibiches un aumento da afección ao ciclismo no país paralelo ao crecemento do Xacobeo?
Si, de feito aínda hai pouco que o presidente da federación me comentaba o importante aumento do número de licenzas. Teriamos un problema se non aumentase o seguimento do ciclismo en Galiza despois da nosa consolidación. Aquí levabamos moito tempo agardando esta oportunidade, e os afeccionados ao ciclismo están moi motivados. Un exemplo é que antes sempre perdiamos por goleada cos vascos a nivel de seguimento, pero este ano nas etapas da Vuelta próximas á terra, coma as de Asturias, víanse máis bandeiras de Galiza que ikurriñas. A xente está conectando dun xeito espectacular co Xacobeo.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: