Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'HISTORIA DUNHA EMIGRACIÓN DIFUSA'

A memoria da Lisboa galega

Xan Leira presentou a súa investigación, en forma de libro, exposición e documental, sobre a presenza galega na cidade.

Marcos S. Pérez - 09:30 23/01/2009

Durante séculos, os galegos construíron a cidade de Lisboa; as migracións a Portugal foron cuantitativamente das máis numerosas das que saíron de Galiza, e deixaron unha pegada moi fonda. Como dixo o profesor González Lopo na presentación do libro, "cando un raña un pouco na sociedade de Lisboa, é difícil moverse por ela sen atopar un galego". No século XVIII, por exemplo había máis de corenta mil galegos na cidade. O escritor Rodrígues Migueis, orixinario de Pazos de Borbén, escribiu en A Escola do Paraíso que a Baixa lisboeta era unha sucursal da provincia de Pontevedra. A este respecto González Lopo concluíu destacando que a emigración galega en Portugal "non é unha anécdota" e que "este proxecto marcará un fito".

Para botar luz sobre este fenómeno, pouco estudado e pouco difundido, o cineasta Xan Leira investigou durante dous anos. Froito deste traballo preséntase agora un libro, e dentro duns meses estará listo un documental que acompañarán a unha exposición que visitou xa numerosas localidade galegas, como A Coruña ou Santiago, e que tamén pasou por Lisboa; a mostra viaxará agora a Fornelos de Montes, e en marzo estará nas universidades de Coimbra e Lisboa, e máis adiante nas de Braga, Viseu e Tras os Montes-Chaves. En canto ao documental, Xan Leira está negociando coa TVG a súa coprodución, co obxectivo de que xa neste 2009 se poida estrear na televisión.

Milleiros, durante séculos
A presenza dos galegos en Lisboa está documentada dende 1371, aínda que naquel tempo a emigración se confunde co propio avance do reino cara ao sur. Xaquelogo Leira centrouse nos últimos cincocentos anos, nos que a chegada de galegos á cidade se produce por milleiros, sobre todo dende o século XVII. Galiza vive durante ese século XVII unha das épocas, dende o punto de vista económico e demográfico, máis favorábeis da súa historia, fundamentalmente pola introdución do millo e a poboación galega dispárase. Hai comarcas que na primeira metade deste século acadan medias de mesmo 120 e 130 habitantes por km cadrado, cando as medias de poboación en España están por debaixo dos 20. Iso provocou unha migración masiva dende o sur do país cara a Portugal, que se mantivo até o século XX.

A presenza galega consolidouse en Lisboa a partir do terremoto de 1755, pola inxente necesidade de man de obra para a reconstrución da cidade. Os galegos eran traballadores cualificados e moitos deles achegaron solucións arquitectónicas propias, procedentes da construción tradicional galega; de feito, en Lisboa segue construíndose co 'tabique á galega'.

A dura competencia da emigración americana, que xorde con forza en Galicia no último terzo de século XIX non diminuíu a importancia da emigración a Lisboa. Ademais, a experiencia das migracións a Portugal fixo que en lugares como A Cañiza, Arbo, Crecente, As Neves, Salvaterra, Ponteareas, Mondariz, Fornelos de Montes, Ponte Caldelas ou A Lama os mozos escollesen Brasil e especialmente Salvador de Bahía, como destino principal.

Os galegos traballaron en gran número como augadeiros antes e despois da construción do acueduto de Lisboa. A organización dos augadeiros era moi complexa e eficaz. Había uns tres mil, divididos nos 29 chafarices cos que contaba a cidade, e dende alí distribuían a auga polas súas respectivas rotas. A súa rede de distribución era tan ampla e o seu servizo tan eficaz que pouco a pouco foron sumando novas responsabilidades. De feito, foron os primeiros bombeiros de Lisboa. Outras veces, os seus servizos eran máis informais: os galegos foron os primeiros mensaxeiros de amor, ao levaren as cartas entre os namorados; e os galegos acompañaban tamén aos nenos á escola.

Traballadores e nobres, algo brutos
E como eran vistos os galegos en Lisboa? O galego tiña fama de traballador, e de persoa bruta ao tempo. Xa escribiu Camoes 'sórdidos galegos, duro bando' ignorando seguramente que el mesmo tiña ascendencia galega. Xan Leira explica que "seguramente por estar situada alí a Corte, o traballo non era algo ben visto pola sociedade lisboeta. Polo tanto os galegos eran desprezados por ser os que traballaban. Pero por ese mesmo motivo hai outros autores, como Alexandre Herculano, que gabaron os galegos, porque foron os que construíron a cidade. Na literatura portuguesa en todos os casos os galegos son destacados como persoas nobres, serias, discretas. Máis aló dos tópicos, destácase a ética do galego". Por exemplo, Fernando Pessoa describe un cociñeiro galego no seu Libro do desassossego: "Hai 40 anos que aquela figura de home vive case todo o día nunha cociña (...) Almacena lentamente cartos lentos que non se propón gastar. Poríase enfermo se tivese que retirarse da súa cociña para marchar ás terras que mercou en Galiza".

E xa en 1696 Carrère escribiu que "Os seus servizos son preferidos aos dos nacionais (...) son máis orgullosos, máis aseados, máis compostos, menos aproveitados, máis listos, desembarazados, vigorosos, intelixentes exactos e máis fieis, posuíndo ademais, alén de todo isto, o mérito da fidelidade. Os portugueses son sobrios por necesidade, os galegos, por carácter".

A presenza galega en Lisboa non se institucionaliza até que en 1908 nace Xuventude Galega, o Centro Galego de Lisboa, que celebrou en novembro o seu centenario. "Créase nese momento pola evolución social que se estaba a producir en Lisboa e en todo Portugal e que deu lugar á proclamación da República en 1910. De feito, a constitución de Xuventude da Galiza coincide coa creación do primeiro Sindicato Portugués da Hostelaría, fundado por galegos, e os promotores de ambas as dúas entidades coinciden en moitos casos. Hai un feito concreto, que é a expulsión dun grupo de galego dun baile, que os move a querer crear a súa propia asociación, para facer os seus propios bailes", explica Xan Leira.

Conflitos
Durante a Guerra das Laranxas, en 1801, que enfrontou a España e Portugal, plantexouse a expulsión dos cidadáns galegos, pero o Intendente Geral de Policia do Reino desaconsellou a medida: "se se mandassem embora não haveria quem servisse as cidades de Lisboa e Porto". A este respecto conta Xan Leira que "os conflitos históricos entre as coroas de Castela e Portugal son en boas medida os responsábeis do carácter 'difuso' da emigración galega ao sur do Miño. A facilidade lingüística que tiñan os galegos fixo que puidesen aparecer como un segmento máis da sociedade portuguesa, e de feito os galegos non aparecen como españois, senón que nas actas notariais aparecen como 'galegos' ou 'fillos do Reino de Galiza'. Pero é evidente que os conflitos entre os dous reinos obrigaron aos galegos a ter un 'perfil baixo'. Ao longo da historia houbo numerosos casos de querer expulsar aos galegos de Lisboa".


4,8/5 (40 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: