Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOVA XERENCIA

Comeza a redefinición da Semana Verde: ampliar a oferta será a clave

A directora xerente, Paloma Hidalgo, quere consolidar o recinto feiral e avoga pola busca de novas liñas de negocio noutros produtos e actividades.

Redacción - 09:00 21/01/2009

Máis tarde que cedo rematou a transición do cambio de xerencia da Fundación Semana Verde. Atrás quedou o sempiterno presidente Xosé Maril, quen foi finalmente destituído pola Xunta, e a pataca quente de facer rendíbel o recinto de Silleda caeu nas mans de quen até o de agora era a directora da área internacional do IFEMA (Madrid). Paloma Hidalgo debullou este martes os obxectivos que se marca para revitalizar a actividade desta Semana Verde que, por exemplo en 2007, manexou un volume de negocio de 90 millóns de euros.

Un dos seus primeiros propósitos será a identificación da Fundación coa función de operador de feiras e separala da actividade do recinto. Así, a meta é crear "máis posibilidades de demanda e ampliar a oferta" máis alá dos "produtos propios", tal e como fan, dixo, "as feiras de todo o mundo". Nesta liña, adiantou que apostará pola busca de novas liñas de negocio noutros produtos e tamén noutras actividades. Doutra banda, subliñou que a situación do recinto feiral en Silleda "non é un impedimento para o seu éxito", ao tempo que se felicitou da súa distribución espacial, arquitectura e deseño, xa que "permitirán impulsar montaxes de feiras de todo tipo". Ademais, asegurou sumarse a este proxecto porque lle parece "moi interesante" e destacou que "non existe unha excesiva competencia na área do noroeste peninsular, dende Portugal até Bilbao".

Proceso de reorganización interna
Todas estas liñas de actuación enmarcaranse no Plano Estratéxico da entidade que, segundo o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, estará rematado en dous meses. Ao tempo, recordou que a Fundación dispón de novos estatutos e regulamento, logo de someterse a un "proceso de reorganización interna", da que destaca o nomeamento da nova directora xerente. Aínda así, non se prevén novas incorporacións, xa que o equipo co que conta é "suficiente e experimentado", dixo.

Asemade, Méndez Romeu recoñeceu que o seu departamento baralla a posibilidade de que a Semana Verde acuse a actual situación de crise, malia que a conxuntura económica tamén "pode ofrecer novas oportunidades". Con todo, adiantou que a entidade xa contratou e aprobou un plan de viabilidade para estaren preparados para o futuro.


Ligazóns

5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O conselleiro Méndez Romeu presentou á nova directora xerente da Fundación Semana Verde, Paloma  Hidalgo
O conselleiro Méndez Romeu presentou á nova directora xerente da Fundación Semana Verde, Paloma Hidalgo
Estes días o recinto feiral acolle o Concurso de Máquinas Destacadas de CIMAG 2009
Estes días o recinto feiral acolle o Concurso de Máquinas Destacadas de CIMAG 2009