Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Data da idade do Ferro

O castro de San Cibrao de Lás é o máis grande de Galiza

Sóubose durante o traballo de escavación na muralla, que deixou ao descuberto un segundo seu alxibe. En decembro deste ano comezará a funcionar o centro de interpretación.

Redacción - 13:25 20/01/2009
Datalle do castro de San Cibrao de Lás / Flickr: hermidaprada

Datalle do castro de San Cibrao de Lás / Flickr: hermidaprada

O castro de San Cibrao de Lás, situado nos concellos de San Amaro e Punxín (O Carballiño), é o maior de Galiza, ademais dun dos máis sobranceiros da Idade do Ferro, segundo informou a Consellaría de Cultura e Deporte, que desenvolve as escavacións do xacemento.

Ao parecer, cando se estaba a desenterrar a muralla do castro, apareceu un segundo alxibe -depósito empregado para gardar auga, recollida, moitas veces, da chuvia-, de maiores dimensións do que xa se coñecía en San Amaro -conta cun metro de profundidade-. A alxibe vén da zona d'O Barbantiño, e conta cunhas murallas defensivas propias, que aínda están a ser estudadas.

O achado deste depósito -construído no século I A.C.- confirma que no castro podían vivir perto de tres mil persoas, a partir dos cálculos feitos sobre as súas necesidades de auga e o número de vivendas atopadas até agora nas escavacións, que medían 200 metros cadrados cada unha. Destas cifras dedúcese que os veciños da zona non ían nada desencamiñados ao chamarlle ao xacemento castrexo "A Ciudá".

Un centro de interpretación á medida
Esta segunda feira, a conselleira de Cultura e Deporte sinalou que quere converter este xacemento "nun referente do patrimonio cultural galego" coa construción do centro de interpretación, que albergará exposicións permanentes e temporais e medios para afondar na investigación, e que estará aberto ao público en decembro deste ano. As obras de construción, que se iniciaron en 2007, terminarán en maio. O edificio abrangue unha superficie construída de case tres mil metros cadrados, dos que mil configuran a exposición estábel. Outros 300 metros cadrados dedicaranse a exposicións temporais, co obxectivo de manter actualizados os contidos do centro e amosar as novidades que se produzan conforme avanza a investigación con novas escavacións no castro. As instalacións tamén inclúen aulas didácticas, biblioteca, fototeca, zonas de documentación, arquivo, sala de reunións e unha área de servizos, con tenda e cafetaría.

Cultura leva traballando nas escavacións arqueolóxicas neste xacemento dende 2005, e dende aquela investíronse 500 mil euros nestas tarefas, centradas en dous aspectos: por unha banda, dedicadas ao mantemento do castro, coa realización de labores de limpeza, roza e acondicionamento de itinerarios de visita; e pola outra, para continuar os traballos de investigación con novas escavacións e a consolidación arqueolóxica dos restos.


Ligazóns

4,8/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxe do castro (clique para ampliar) / Imaxe: Cultura e Deporte
Imaxe do castro (clique para ampliar) / Imaxe: Cultura e Deporte
Outro detalle deste castro / Flickr: hermidaprada
Outro detalle deste castro / Flickr: hermidaprada