Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Financiamento autonómico

O Estado propón a cesión do 50% de IRPF e IVE a todas as Comunidades

O ministro español de Economía asegura que terán máis capacidade financeira propia e menos dependencia das transferencias estatais.

Redacción - 14:45 30/12/2008

O novo modelo de financiamento proposto polo goberno español contempla a cesión a todas as comunidades do 50% do IRPF e do IVE e do 58% dos impostos especiais. Ademais, pretende reducir as transferencias do Estado do 30% ao 10%, de forma que o 90% dos recursos das administracións autonómicas procederían dos impostos cedidos, fronte ao 70% actual. O criterio principal para a repartición dos cartos será o da poboación de cada territorio, e terase en conta o impacto da inmigración.

En realidade, o novo modelo de financiamento proposto polo Goberno inclúe tres fondos, os dous vixentes de garantía dos servizos públicos fundamentais e de suficiencia global, e un novo de converxencia, que virá corrixir "os excesos e defectos" do actual modelo. Este contará cunha dotación de recursos adicionais e albergará á súa vez dous fondos. O primeiro deles é o de 'Competitividade', cuxo obxectivo será reducir as diferenzas de financiamento per cápita entre comunidades, de xeito que se distribuirá entre aquelas que estean por baixo da media ou por baixo da súa capacidade fiscal. O segundo é o de 'Cooperación', que vén mellorar a converxencia nos niveis de vida entre as comunidades, polo que se distribuirá entre aquelas de menor riqueza relativa.

En canto ao fondo de garantía de servizos públicos fundamentais, que asegurará a mesma financiamento para todos os cidadáns, estará referido, segundo Solbes, a "a sanidade, a educación ou os servizos sociais".

En canto aos recursos adicionais que destinará o Estado no novo modelo de financiamento autonómico, Solbes non quixo dar cifras até que remate o proceso de financiamento. Unicamente detallou que estes recursos adicionais se distribuirán progresivamente ao longo de tres anos baixo uns criterios concretos: incremento da poboación axustada desde 1999, nivel actual de poboación axustada e persoas dependentes. "Poderían incluírse outros criterios, actualmente en discusión coas comunidades autónomas", engadiu Solbes.

Touriño: "A música e a letra soan ben"
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou que o borrador cos criterios de financiamento autonómico responde "ás expectativas e ao acordado" na xuntanza que mantivo o pasado día 23 de decembro con Zapatero. "A miña primeira avaliación é que a música e a letra soan ben. E sóanme ben a música e a letra porque responde aos criterios que na entrevista mantida co presidente acordamos, dos que falamos e dos que din conta. Evidentemente a avaliación final en temas de financiamento debémola deixar para cando, ademais da letra e da música, teñamos os números", concluíu ao respecto.

Segundo explicou Touriño na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o borrador cos criterios de financiamento "garante maiores recursos a disposición das comunidades autónomas" e "recolle e compromete a incorporación dunha maior ponderación para a dispersión e para o avellentamento poboacional" tal e como el mesmo lle solicitara para Galiza ao presidente español.

Para o BNG a "autonomía financieira" é "insuficiente"
En opinión de Francisco Jorquera, a proposta é "insuficiente" porque coas porcentaxes de cesión anunciadas dos impostos de titularidade estatal Galiza non acada a "suficiencia financeira". "Esas porcentaxes dan suficiencia financeira a Madrid, Catalunya e a Baleares, pero non ao noso País. Son un traxe feito á súa medida, non á nosa", afirmou. Segundo o coordinador executivo do BNG, Galiza precisaría "dunhas porcentaxes de cesión" de IVE, IRPF e Especiais que se sitúen por enriba do 70 por cento para acadar a suficiencia financeira. "A igualdade entre as comunidades non debe estar no punto de partida, senón no de chegada", afirmou o dirixente nacionalista.

Ademais, Jorquera censura que á hora de dotar o fondo que agora se cría baixo a denominación de Garantía de Servizos Públicos Fundamentais se sobredimensione o criterio de poboación, o que claramente prexudica a Galiza. Jorquera mostra tamén a súa preocupación porque o Goberno central non considere a Xustiza entre os servizos públicos fundamentais. Finalmente, o BNG considera que a filosofía de fundo desta proposta de reforma non dista moito do modelo actualmente vixente: "Continuaremos a ter un modelo que descentraliza o gasto, pero non os ingresos. Non ten sentido que unha administración teña competencias para gastar, pero non para obter por vías propias os recursos que podan financiar a execución desas competencias", dixo Jorquera.

Críticas do PP por financiar as CC.AA. con débeda pública
Pola súa banda, o Partido Popular critica a proposta porque, afirman, basea o financiamento na asunción de débeda pública. O líder do PP, Mariano Rajoy, cualificou de "enorme erro" o modelo de financiamento autonómico porque, dixo, por primeira vez na historia quérese financiar as comunidades con débeda pública e o seu partido "non pode aceptar que se siga tirando de chequeira" e anunciou que fará todo o posíbel para evitalo.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: