Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Veciños 'nucleares'

Tensión e movemento de tropas na fronteira entre a India e Paquistán

Problemas en aumento desde os ataques en Mumbai, atribuídos polo goberno indio a extremistas con sede na fronteira paquistaní.

Redacción - 11:30 27/12/2008

A última hora da prensa paquistaní revela que o goberno está trasladando tropas desde áreas da fronteira con Afganistán e despregándoas á beira da fronteira coa India. A tensión é grande na disputada zona de Caxemira, onde á súa vez os soldados indios tamén reforzan posicións.

Os recentes ataques en Mumbai envelenaron máis as relacións xa de por si tensas entre os veciños asiáticos. O goberno indio teima en atribuírlle responsabilidade, malia que indirecta, aos seus homólogos paquistanís, nos atentados acontecidos na capital. Consideran que foron levados a cabo por militantes extremistas que se acubillan en territorio do veciño e contra os que Paquistán non está tomando medidas. Desde o executivo paquistaní retrucan que non existen probas abondo que permitan xustificar accións sobre estes grupos.

No aumento da tensión tratou de mediar esta semana o goberno estadounidense. "Agardamos que ambas as dúas partes poidan evitar os pasos que leven a un aumento innecesario de tensións", declarou Gordon Johndroe, voceiro da Casa Branca, "seguimos en contacto cos dous países para pedirlles que afonden na cooperación da investigación de Mumbai e para amañar o problema do terrorismo".

Mentres, Paquistán celebra estes días o aniversario da morte de Benazir Bhutto, con seu viúvo agora no asento presidencial despois da saída do posto de Pervez Musharraf. Ao fío, Amnistía Internacional emitía un comunicado onde advirte de que estes doce meses son exemplo do "fracaso" do goberno aos ataques acontecidos. Amnistía propón unha investigación "transparente, verdadeira e independente" dos asasinatos políticos no país e solicita que se freen as detencións "secretas e arbitrarias" que tratan de xustificarse coa escusa da loita antiterrorista.

Para ampliar na prensa local:


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: