Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Entre un e tres anos

A Universidade Autónoma de Barcelona expulsa seis estudantes após as manifestacións contra Boloña

As outras 20 persoas que foron expedientadas serán sancionadas. A UAB cita a "función pedagóxica e rehabilitadora" destes castigos para xustificar a súa resolución final.

Redacción - 19:18 17/12/2008
Imaxe das protestas contra o chamado Proceso de Boloña

Imaxe das protestas contra o chamado Proceso de Boloña

A Universidade Autónoma de Barcelona (UAB) expulsará seis estudantes, entre un e tres anos -segundo informou esta cuarta feira o bufete de avogados que a representa-, por participar nas mobilización contra o Proceso de Boloña desenvolvidas entre o 18 de abril e o 30 de maio deste ano. Outras 20 persoas, que xa estaban expedientadas pola súa participación nos feitos, e para as que os membros do equipo de goberno da UAB tamén pediran a expulsión temporal, só recibirán sancións.

Nun seu comunicado (en .pdf), a UAB xustifica as expulsións na aplicación de "criterios de proporcionalidade" e na "función pedagóxica e rehabilitadora" das sancións universitarias. Nesta liña, o reitor da universidade catalá, Lluís Ferrer, cualificou as sancións de "benévolas, xustas e reparadoras", ao considerar que envían unha mensaxe de defensa da universidade pública e revelou que, a pesar de recibir milleiros de mensaxes de persoas que lle enviaron suxestións sobre que facer, el propuxo as seis expulsións "pola dignidade das persoas agredidas" durante as protestas contra Boloña.

Nun comezo, pedíase a expulsión de todos os expedientados
As sancións definitivas condenan os estudantes polas mobilizacións do 18 de abril e do 29 e 30 de maio, e foron asinadas polo reitor en funcións, Ferrer, e pola vicerreitora de Ordenación Académica en funcións, Dolors Orilla, que forman parte do equipo de goberno até que este non sexa mudado pola nova reitora, Anna Ripoll, escollida nas eleccións da pasada segunda feira.

A UAB diferenciou os seis alumnos expulsados, que considera participaron "en accións violentas e coercitivas", "agredindo fisicamente membros do servizo de seguridade, obstruíndo o paso e sitiando o coche da decana de Letras, así como acceder ao seu computador e á información que contiña"; de entre estes estudantes, catro serán expulsados por un anos, un durante dous anos e outro durante tres.

As outras 20 persoas expedientadas non foron consideradas como partícipes de "accións violentas". Porén, nun comezo os responsábeis de instruír os expedientes dos estudantes da UAB barallaron expulsar os 26 estudantes sinalados como autores das protestas entre un e 11 anos.

Seguen as protestas
Mentres a UAB enviaba o seu comunicado explicando a resolución, cousa que fixo a primeira hora da tarde da cuarta feira, após terminar unha xuntanza do Consello de Goberno dedicado a tratar só a situación do campus tras as protestas, os estudantes seguían ocupando a Facultade de Letras e o Reitorado. Na segunda feira a protesta comezou a diminuír, e os estudantes desocuparon as facultades de Comunicación, Ciencias da Educación, Psicoloxía, Ciencias Políticas e Socioloxía e Ciencias e Biociencias.

Durante as conversas entre os membros do Goberno da UAB e os colectivos de estudantes, chegárase a un principio de acordo, mais as negociacións estaban paradas, á espera de que se coñecesen as sancións definitivas. Porén, agora que se sabe das decisións tomadas polo equipo de goberno, os estudantes seguirán coas súas protestas.

Ademais, algúns dos colectivos pensan só se lle abriron expedientes aos estudantes que foron recoñecidos polo reitor, por outros membros do seu equipo de goberno ou por algunhas testemuñas. Mais, como todos eles fan parte de organizacións estudantís ou son representantes dos estudantes nalgún órgano da universidade, os afectados pensan que se as aperturas dos expedientes e as expulsións fan parte dunha cuestión política.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: