Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ENCONTRO PROFESIONAL DE 'CANTOS NA MARÉ'

Obxectivo: deitar unha rede sobre o Atlántico

Pontevedra acolle dous días de xuntanzas de promotores, programadores e xornalistas especializados na procura dunha rede de apoio ás músicas da lusofonía

M.S.P. - 09:00 12/12/2008

A rede ten os ollos postos no Brasil, o gran mercado de máis de case douscentos millóns de habitantes, mais tamén un dos países máis abertos ao exterior, en especial á cultura galega, sen dúbida moito máis ca Portugal. Por ese motivo en Pontevedra estarán Makely Ka e Vítor Santana de Miranda (da cooperativa da música de Minas Gerais), Edu Louzada (director do instituto Quorum Produçoes Artísticas), Benjamim Taubkin (do Mercado Cultural Latinoamericano de Salvador de Baía) e Paula Sena (de Projecto Cambio Sonoro). Estarán tamén Carlos Seixas (do festival Músicas do Mundo de Sines), Roberto Furtado (do festival Maré de Agosto), Gaynor O´Flynn, Paula Sena (de Projecto Cambio Sonoro), Miguel Santos (da Red Orange), Carlos Seixas (do Festival Músicas do Mundo de Sines (Portugal), José Rui (de ACERT Tondela) ou Sonia Bastos (Sonora Urbana Lisboa).

En total máis de 40 profesionais (de Brasil, Portugal, Cabo Verde, Angola, Reino Unido, Bélxica e España) afondarán, en sesións pechadas ao público, nas posibilidades de traballo conxunto entre os axentes musicais da Lusofonía, na rede como plataforma de cooperación e no papel de Galiza como ponte entre América, África e Europa. "O obxectivo é crear unha rede, de xeito que os distintos axente que operan na lusofonía como entorno creativo poida materializar acordos e convenios", di Vítor Belho, coordinador do encontro, que engade que "A lusofonía corre polas veas de todo o planeta. Nós non identificamos territorios, senón usuarios. O obxectivo é converter á lusofonía nun potencial, nunha etiqueta, nun label que sirva para vender esta música en todo o mundo".

Xa en edicións anteriores de Cantos na Maré, máis centradas nos aspectos meramente artísticos, producíronse estes contactos e deron lugar a acordos puntuais entre autores e promotores. A intención nesta edición de 2008 é darlle outra dimensión, unha estrutura máis forte e estábel que produza máis e mellores resultados. O foro artellarase ao redor de tres eixos temáticos, centrado o primeiro nos programadores, o segundo nos axentes da industria musical e o terceiro nos axentes divulgadores, é dicir, os medios de comunicación. Nesta sesión, que terá lugar o venres a partir das sete da tarde, participarán representantes na TVG, a Radio Galega, Radio3 e Vieiros.

Pontevedra, capital cultural da lusofonía
Volve Cantos na Maré, todo é navegar

Abrindo mercados canción a canción (novembro 2008)
Debate sobre o futuro de Galiza nas industrias culturais da lusofonía (decembro 2007)


4,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: