Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Gema Blanco, de Médicos do Mundo

"No relativo á prostitución, é preciso derrubar etiquetas"

Préstanlle axuda ás traballadoras dos clubes de alterne das Mariñas coruñesas, dándolles formación e información e servindo de ponte co sistema sanitario.

A. Rodríguez - 12:00 11/12/2008
Un dos deseños empregados por esta ONG

Un dos deseños empregados por esta ONG

Esta cuarta feira a ONG Médicos do Mundo, en colaboración co Consorcio das Mariñas e a Secretaría Xeral de Emigración, presentou en Oleiros unha pequena análise da situación sociosanitaria das traballadoras dos clubes de alterne de Arteixo, Bergondo e Sada, titulada Intervención sociosanitaria con mulleres en situación de prostitución.

Dela despréndense unha serie de datos superficiais, que falan da nacionalidade das mulleres (o 66% son brasileiras de entre 25 e 34 anos, mais nos últimos meses notouse un incremento no número de mulleres procedentes de Nixeria e Romanía) e dos principais problemas sanitarios que presentan, que se relacionan, sobre todo coas enfermidades de transmisión sexual.

Garantindo a acceso á sanidade pública e gratuíta
Mais o traballo deste equipo multidisciplinar de Médicos del Mundo -que conta cunha educadora, unha enfermeira, un psicólogo e unha traballadora social- non é só prestarlles atención sanitaria ás traballadoras destes clubes, senón que está enmarcado nun programa xeral deste ONG para a inclusión social destas mulleres, que se desenvolve en todo o país.

O programa, segundo lle contou a Vieiros a socióloga Gema Blanco, a autora deste estudo, apóiase en tres eixos fundamentais: o primeiro, na atención sanitaria, mais non a través dunha intervención directa -"non somos médicos", dixo Blanco-, senón de apoio e axuda para o acceso a unha sanidade pública gratuíta; é dicir, para servir de ponte entre as mulleres e os recursos sanitarios de Galiza. "Axudámoslles, por exemplo, a acceder a certas intervencións ou revisións, fóra das listaxes de espera. De feito, temos un acordo do COF da Coruña, a través do Programa MARTA, para levar estas mulleres a pasar as revisións xinecolóxicas periódicas, teñen ou non Tarxeta Sanitaria (a maioría non a teñen). Ademais, facémoslles analíticas completas, de xeito confidencial e gratuíto, e ofrecémoslles información e formación, en temas relacionados coa sanidade, mais tamén sobre como desenvolverse a nivel social (como obter prestacións económicas) e prestámoslle atención psicolóxica (hai un número de teléfono dispoñíbel as 24 horas do día).

A falta total de educación sexual, máis estendida entre os clientes
O estudo presentado esta cuarta feira en Oleiros é só, segundo Blanco, "un relatorio dos resultados do traballo realizado en todo o Consorcio, elaborado cos datos de cada intervención, a metodoloxía empregada, a frecuencia das consultas e os recollidos na nosa base de datos. Non é unha investigación en si; só recollemos cifras de participación nos obradoiros, das derivacións que facemos aos centros sanitarios, e os datos demográficos básicos: idade, nacionalidade... o xusto para facernos unha idea moi superficial da situación destas mulleres", mais del despréndese datos que, segundo Blanco, "merecen ser tratados con cautela".

Entre eles o feito de que, non só as prostitutas, mais sobre todo os clientes, teñen unha case nula formación sexual. "Nos últimos meses véñennos contando que hai moitos clientes que non usan preservativo, ou que simplemente pagan máis por non o empregar nas súas relacións sexuais -un 80%-, e isto fala moito da carencia brutal de educación sexual que hai en Galiza. Isto mesmo noutros países avanzados xa non pasa", sinalou Gema Blanco, ao tempo que revelaba que, por exemplo, é maior o coñecemento entre as mulleres brasileiras que traballan nestes clubes que nos propios clientes, sobre as ETS e os xeitos de contaxio. "No Brasil a educación sexual é máis profunda e accesíbel. Aquí non é tal; o que hai é información, mais non formación, e cómpre distinguir entre estes dous conceptos".

"Na presentación deste informe, o que dixemos é que é obvio que é preciso derrubar etiquetas en canto á prostitución; ser conscientes de que estas mulleres non nacen para ser prostitutas, que as converten no que son; e que tampouco son elas as principais transmisoras de ETS, senón que son as principais vítimas destas enfermidades, porque tamén son contaxiadas polos clientes. Hai que derrubar todo tipo de mitos. Ninguén nace marcada por unha actividade, senón por unhas circunstancias sociais e económicas. Moitas destas mulleres teñen unha formación elevada, mais non poden poñer en práctica os seus coñecementos por falta de papeis", destacou Blanco.

Procurando axuda para mudar o mundo
Gema Blanco é unha das catro persoas que percorreron os clubes de alterne da zona das Mariñas varios meses, entrando neles e falando coas traballadoras: "Moitas delas teñen receos, non saben quen somos, non confían e daquela non se achegan a nós, mais hai outras que xa nos viron máis veces e coñecen o noso traballo. Até a terceira vez que aparecemos polo clube, mais ou menos, non collen confianza, mantéñense a distancia: mais a participación é totalmente voluntaria", sinalou.

Proporcionarlles facilidades para acceder á sanidade pública e gratuíta é un dos principais cometidos desta unidade de Médicos del Mundo, e isto conségueno, ademais, axudándolles a conseguir a Tarxeta Sanitaria. "Para conseguir unha propia, só se precisa ter unha mínima estabilidade, pódese conseguir con relativa facilidade", revelou Blanco, mais destacando "que moitas destas mulleres precisan axuda para acceder á tarxeta, porque deben estar empadroadas, e os clubes non son considerados residencias; por iso acoden a algunhas antiga compañeira, que xa teña un piso propio, ou a algún cliente, co que teñan confianza, que lles deixe empadroarse no seu domicilio. O principal problema é a pouca estabilidade da que gozan, porque uns meses están aquí e outros noutro lugar. Nós, cada 30 días, coñecemos novas traballadoras, e moitas delas vense afectadas pola división administrativa do Estado, de tal xeito que poden vir, por exemplo, coa tarxeta sanitaria andaluza, que aquí non serve. Ademais, está o caso de moitas delas, que descoñecen a realidade que as arrodea, non saben como acceder ao sistema e, no caso do Consorcio das Mariñas, que é unha entidade supramunicipal que non ten ningunha plasmación xeográfica, é aínda máis complicado acceder a ela, salvo que sexan axudadas", dixo Gema Blanco.

O vindeiro ano a ONG Médicos del Mundo elaborará un informe máis "completo e ambicioso" sobre o seu traballo de inclusión social das traballadoras dos clubes de alterne de Galiza, que probabelmente, segundo dixo Blanco, "se ha presentar publicamente, aínda que isto depende da Xunta Directiva" da ONG. Un dos "obxectivos misionais de Médicos del Mundo é deixar constancia daquelas realidades nas que intervén, denunciando e facendo coñecedor delas a quen pode facer algo para mudalas, é dicir, a Administración", sinalou Gema Blanco, ao tempo que lembraba que estes traballos moitas veces serven para mudar a mentalidade da sociedade, e para facer reaccionar aos gobernos. Neste sentido, lembrou que o programa de introdución do preservativo feminino, desenvolvido por Médicos del Mundo no noso país, entre as traballadoras dos clubes de alterne, ao final chamou a atención da Consellaría de Sanidade, que terminou por financialo. "Ás veces, este traballo leva á sensibilización, e esta á consecución de orzamentos para seguir adiante con este programas", concluíu Blanco.


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O mapa do Consorcio das Mariñas, onde actúa esta unidade de Médicos del Mundo
O mapa do Consorcio das Mariñas, onde actúa esta unidade de Médicos del Mundo
Pintada na rúa / Flickr: docufotografiti
Pintada na rúa / Flickr: docufotografiti
Gema Blanco chama a derrubar os preconceitos sobre as prostitutas
Gema Blanco chama a derrubar os preconceitos sobre as prostitutas