Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Miguel López, da Ucgal

"A xente non entende porque se quere construír o TAV cando nin sequera existe unha boa rede ferroviaria"

Vieiros falou co secretario xeral da Unión de Consumidores de Galiza, que vén de presentar o Observatorio Galego do Consumo.

Antía Rodríguez - 16:30 08/12/2008
Miguel López, secretario xeral da Ucgal

Miguel López, secretario xeral da Ucgal

A mediados de novembro a Unión de Consumidores de Galiza (Ucgal) presentaba a primeira parte do Observatorio Galego de Consumo, que elaboran periodicamente para saber da opinión dos consumidores sobre temas relevantes como o turismo, os transportes, a vivenda... Desta volta amosaban a valoración feita polos usuarios do Sistema Sanitario de Galiza, mais aproveitamos para falar co seu secretario xeral, Miguel López sobre os cometidos as asociacións que defenden os dereitos dos consumidores no noso país.

Vieiros: Como funciona a súa asociación? En que poden axudar estas asociacións aos consumidores?
Miguel López: Unha organización de consumidores ten importantes cometidos. Primeiro céntrase na representación, defensa e formación dos seus asociados, e tamén traballa para darlles información a todos e cada un dos consumidores, independentemente de que sexan ou non membros da asociación. Nós nutrímonos dos nosos socios, pero as cousas non están moi ben en Galiza, onde non existe un importante espírito asociativo entre a cidadanía. A maior parte dos consumidores acoden á nosa organización cando teñen un problema, unha vez se resolve -o 80% das veces, favorabelmente-, danse de baixa.

Daquela, se as aportacións económicas son escasas, como se manteñen?
En principio as aportacións dos socios non chegan para que a nosa asociación poida funcionar dentro duns mínimos de calidade. Daquela, tiramos das aportacións públicas. Pero tampouco chega, polo que temos dedicamos a prestar servizos ás administracións e a outras organizacións, aportándolles información e formación. O que procuramos é obter recursos propios para continuar a funcionar como unha entidade sen ánimo de lucro.

E a colaboración coas administracións, é estreita?
Con algunhas. Temos convenios para dar formación e información en materia de dereitos dos usuarios nalgúns eidos nos que o Instituto Galego de Consumo non é competente, como por exemplo a sanidade, o turismo, os seguros... Ademais, colaboramos coas institucións que nolo solicitan, ou somos nós os que falamos directamente con elas, cando hai temas interesantes para os consumidores, como os cambios nos sistema sanitario, en educación, en medio ambiente. En relación a isto, é certo que as administracións son cada vez máis conscientes de que é preciso manter correctamente informados aos consumidores, e acostuman consultan as organizacións de consumidores.

En Galiza, cales son as principais preocupacións dos consumidores? Que problemas acostumamos ter?
Pois se se trata de facer unha especie de ránking, serían as telecomunicacións -tanto telefonía fixa coma móbil e acceso a internet- as que máis problemas lle están a dar aos consumidores galegos. Moitas das reclamacións que nos chegan teñen que ver coas telecomunicacións, mais antes de que se liberalizara este sector, chegaban máis queixas relacionadas coa vivenda, tanto relacionadas coa compra como co aluguer -ou coas deficiencias, un eido no que é moi complicado conseguir resolver un problema por vía extraxudicial. Hai anos estas reclamacións estaban ocupando os primeiros postos, seguidas das queixas dos consumidores relacionadas coas facturas (luz, auga e gas) ademais das relacionadas coas garantías dos produtos.

Saben realmente os consumidores galegos o que lles pode ofrecer unha organización como a súa? Acoden regularmente cando teñen un problema?

O máis curioso é que co tempo que levamos traballando, hai moita xente que non ten claro a diferencia entre as organizacións de consumidores e a Oficina do Consumidor. A min hai xente que me recoñece pola rúa, de verme saír na televisión, e moitos pensan que traballo para a Xunta. Hai poucas persoas que saiban que saiban que traballo facemos as organizacións dos consumidores, e isto é porque non existen moitas campañas que fomenten o asociacionismo. A estas organizacións non se acode pensando que cantos máis apoios, máis cidadáns sexamos, mellor, porque teremos máis capacidade para conseguir os nosos obxectivos. Isto é unha loita continua, e precisamos axuda.

Hai nada presentaron unha primeira parte do Observatorio Galego de Consumo, a relacionada coa opinión que os consumidores teñen do Sistema Sanitario Galego, mais aínda faltan dúas partes máis que presentarán proximamente, a relacionada cos Seguros e unha outra que ten a ver co Transporte. Podería adiantarnos algunha das conclusións destes estudos? Que podería dicirnos dun tema que interesa especialmente no eido do transporte, a eliminación progresiva dos chamados trens de proximidade?
Neste estudo centrámonos máis nos medios de transporte máis empregados, como os taxis, o transporte por estrada (autobuses), o ferrocarril e o transporte aéreo en materia de reclamacións, mais tamén para coñecer a valoración dos consumidores en canto a estes servizos -coñecer que opinan, se consideran ou non axeitados.

Neste sentido, houbo un número importante de queixas sobre o feito de que se vaian suprimir parte dos servizos ferroviarios -horarios e paradas- do chamado Eixo Atlántico. Unha parte importante das persoas consultadas seguen a pensar que Galiza é unha Comunidade de segunda orde, que nin sequera dispón dun ferrocarril que nos permita prescindir do vehículo para ir traballar, como para substituílo por o TAV ou por calquera cousa, cando a haxa. Ademais, a chegada da liña de alta velocidade que está programada tampouco sería tal, porque co número de paradas que teñen ideadas -tantas, nun percorrido tan pequeno- restaría celeridade ao propio servizo.


4.33/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os resultados da enquisa sobre transporte, que publicarán en poucos días, falan da necesidade de mellorar a comunicación ferroviaria
Os resultados da enquisa sobre transporte, que publicarán en poucos días, falan da necesidade de mellorar a comunicación ferroviaria
A mediados de novembro presentouse o Observatorio Galego de Consumo, que recollía a opinión dos usuarios do Sistema Galego de Saúde
A mediados de novembro presentouse o Observatorio Galego de Consumo, que recollía a opinión dos usuarios do Sistema Galego de Saúde
Aos consumidores galegos teñen queixas das telecomunicacións, a vivenda, as garantías dos produtos que mercan e as facturas do gas, a luz e a auga
Aos consumidores galegos teñen queixas das telecomunicacións, a vivenda, as garantías dos produtos que mercan e as facturas do gas, a luz e a auga
As telecomunicacións (teléfonos móbiles e fixos, e acceso a internet) son o sector que máis preocupa os consumidores galegos / Flicrk: andresrueda
As telecomunicacións (teléfonos móbiles e fixos, e acceso a internet) son o sector que máis preocupa os consumidores galegos / Flicrk: andresrueda