Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ataques múltiples en Mumbai

Comandos de elite tentan abater os milicianos aínda atrincheirados

O primeiro ministro, Manmohan Singh, di que os implicados teñen a súa base "fóra do país" e que non permitirán que "veciños" lles dean acubillo.

Redacción - 20:45 27/11/2008
Burato de bala nunha estación de tren de Mumbai (clique para ampliar)

Burato de bala nunha estación de tren de Mumbai (clique para ampliar)

O primeiro ministro da India, Manmohan Singh, ameazou esta quinta feira con tomar "calquera medida que sexa necesaria" para capturar os responsábeis dos ataques de Mumbai. Ademais, asegurou que os atacantes teñen a súa base de operacións "fóra do país", e que o seu Executivo non tolerará que "veciños" lles dean acubillo.

Por outra banda, un xeneral do Exército informou que entre dez e doce homes armados permanecen atrincheirados en tres puntos diferentes da cidade. Nun destes, o hotel Oberoi-Trident, podíanse ver lapas no faiado á última hora da tarde (hora galega).

Comandos de elite introducíronse no recinto, onde ducias de persoas permanecían retidas nos seus cuartos, para combater cos milicianos supostamente islamistas radicais. Aínda que os atentados foron reivindicados polo grupo Deccan Mujahideen, o modus operandi fai sospeitar de Lashkar-e-Taiba, un dos máis grandes de todo o sur asiático e que xa atentaran con anterioridade. O número de mortos ascende a cando menos 125.


(Actualizado ás 11.45 horas)
O Exército libera os reféns dun dos hoteis de Mumbai tomado polos milicianos

Comandos do Exército indio liberaron os reféns do hotel Taj Mahal de Mumbai esta quinta feira pola mañá (hora galega), mais descoñécese o número exacto de persoas que permanecen aínda no recinto.

Os combates cos atacantes, que segundo varios expertos internacionais en Seguridade serían milicianos islamistas, continúan 18 horas despois dos primeiros tiroteos e explosións, que foron reivindicados ademais por un grupo pouco coñecido que responde ao nome de Deccan Muyahidín.

Fontes da Policía de Mumbai informaron que os seus integrantes aportaron en Mumbai e esparexéronse polos puntos obxectivo dos ataques: hoteis de luxo, un restaurante turístico, hospitais e unha estación de ferrocarril, para comezar a disparar indiscriminadamente.

Máis dun cento de persoas morreron a consecuencia das balas e das explosións de granada e outras 287 resultaron feridas. "Liberen todos os muyahidís, e musulmáns da India e non haberá problemas", dixo un dos combatentes dende o hotel Oberoi, falando por teléfono cunha TV india.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: