Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise das eleccións locais e rexionais

Venezuela: Logo da calma vén o trebón

Tanto nas filas do chavismo como nas da oposición comezan os movementos internos de cara ás lexislativas e ás presidenciais. 2009, ano sen comicios, vai ser decisivo no futuro panorama político.

F. A. - 09:00 26/11/2008
O gobernador electo de Miranda, Capriles Radonski

O gobernador electo de Miranda, Capriles Radonski

Bos resultados e dúas sorpresas. A vitoria do Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV) en 17 dos 22 estados en liza nas eleccións deste domingo deixa un panorama político claramente dominado pola formación do presidente Hugo Chávez.

Porén, nas propias filas do partido a perda da Alcaldía Maior de Caracas (compendio de municipios que conforman a capital) e da Gobernación de Miranda deixan, cando menos, unha sensación de decepción sobre todo polo imprevisto da mesma.

Aristóbulo Istúriz, ex alcalde caraqueño, non puido reter a cidade para o PSUV aínda que conseguiu un apoio que roza a metade do electorado. A inseguridade cidadá, os problemas no transporte ou no acceso á vivenda, por anos sen solucións definitivas, acabaron por minar a paciencia dos votantes.

E tamén en Miranda, estado que abrangue máis da metade da Caracas urbana, onde Diosdado Cabello, vicepresidente de Venezuela durante o golpe de Estado de 2002 e actual gobernador estadal, fracasou. Considerado man dereita de Chávez e acusado de "falso esquerdoso", sucumbiu fronte ao alcalde de Baruta, Henrique Capriles Radonski, prototipo da clase media-alta, novo de idade e que participou activamente no asalto á embaixada de Cuba durante o pronunciamento.

Estados ricos, estados pobres

Consultado por Vieiros, o analista do Igadi e colaborador do xornal Robeto Mansilla considera que aínda que con estes resultados o PSUV se consolida como o partido hexemónico en Venezuela, tamén o fai a plataforma unitaria da oposición, que gobernará sobre o 44% da poboación do país -aínda que con candidatos de partidos diferentes.

Ademais, salienta a división socioeconómica do voto. Os estados onde venceu a oposición (Zulia, que produce o 40% do petróleo venezolano, e Carabobo, xunto a Miranda e á Alcaldía Maior de Caracas) teñen un gran peso económico, afirma. Pola contra, os 17 do PSUV -agás Bolívar e Anzoategui- son exclusivamente agrarios, pouco poboados e onde a intervención do goberno bolivariano foi maior debido a alta taxa de desemprego e pobreza.

O responsábel de Vieiros Venezuela, Xurxo Martínez Crespo, minimiza pola súa banda a importancia individual de Zulia, e de calquera estado venezolano por si só, dado que o país non ten un sistema descentralizado. No entanto, nos últimos tempos estase a crear un sentimento artificial de diferenza, similar ao que se produciu en Bolivia con Santa Cruz, que podería contar coa axuda de intereses foráneos.

Discrepancias internas

Cal é o futuro a curto e medio prazo? 2009 pode ser un ano decisivo para todos os protagonistas, tanto dentro da heteroxénea oposición como na da nada homoxénea esquerda. Así por exemplo, o partido Patria Para Todos (PPT) e o Partido Comunista de Venezuela (PCV) culparon a Chávez -implicado como nunca na campaña electoral- das derrotas sufrida por estes en Portuguesa, Trujillo e Guárico, onde o PSUV gañou sen o seu apoio.

O certo é que as críticas internas dentro da fronte bolivariana son constantes. Por exemplo, grupos afíns a Chávez mostraron o seu descontento polo momento elixido para presentar a reforma constitucional, finalmente rexeitada en referendo.

Tamén hai outros que temen que se produza unha situación similar a acontecida no seu momento en Nicaragua. É dicir, que o goberno se confíe, perdan as eleccións e que, unha vez na oposición, acabe por se desintegrar en menos dunha década. "As discrepancias entre chavistas e PPT son coñecidas, mais comparten os ideais da revolución socialista", apunta Martínez Crespo, neste senso.

Nova proposta para reformar a Constitución
Antes de 2010, ano de lexislativas, os acontecementos desencadearanse, e farano en función da decisión de Chávez de acometer ou non de novo a reforma constitucional para poder aspirar outro mandato. Este martes, o presidente venezolano reiterou que non a proporá, mais sinalou que o pobo pode impulsar unha emenda por iniciativa propia.

Martínez Crespo aposta por que así será. Mansilla afina máis é achega un dato: "un quinto dos sete millóns de votantes que obtivo Chávez en 2006 chegarían para propoñer a reforma". Porén, achega outra posibilidade: que o presidente apure o mandato deica o final e que aproveite o resultado destas eleccións para substituír os cadros derrotados por outros máis afíns. Isto permitiríalle gañar con comodidade o pulso interno pola sucesión no PSUV de cara ás presidenciais de decembro de 2012.

Mais as discrepancias internas non son exclusividade da forza de goberno. A plataforma unitaria, caixón de xastre, afronta un dilema peor: ter que seleccionar de entre as forzas que a compoñen, dende a socialdemocracia até os ultraconservadores, cal ou cales serán os seus candidatos ao comicios que veñen.

Polo momento, as forzas reaccionarias de Venezuela respiran con esta pequena gran vitoria, que lle servirá tamén ao chavismo, tal e como apuntou este martes a dirixente do PSUV Vanessa Davies, para "asumir con humildade unha revisión interna coa militancia e cos simpatizantes, en espazos abiertos para a participación".


4/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: