Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
SUSANA SÁNCHEZ, GAÑADORA DO 'PÉREZ PARALLÉ' DE POESÍA

"Tiven que reflexionar moito sobre a norma, porque escribir en reintegrado péchache moitas portas"

(de)construçom fora publicado en gran parte no seu blog 'dedoscomavermes', algo permitido polas bases do certame.

M.S.P. - 10:30 11/11/2008

"Admitiranse traballos presentados por persoas que publicasen previamente algún libro en edición de autor". Así de claras son as bases do Premio Nacional de poesía Xosemaría Pérez Parallé; admitidos pois os poemario publicados previamente nun blog, morra a polémica, falemos de poesía. Susana Sánchez Aríns foi elixida por unanimidade gañadora do certame co seu poemario (de)construçom que, en efecto, pódese ler da xeito case íntegro e nas súa versión final no blog dedoscomovermes. "Non hai polémica: as bases están claras e o xurado teno claro, e é el quen ten a potestade", di a gañadora. O xurado, formado por Valentina Carro, gañadora da pasada edición, e os poetas Alfredo Ferreiro e Rafa Villar, tívoo claro, e emitiu o seu fallo por unanimidade.

Precisamente no seu blog Alfredo Ferreiro salienta outro dos aspectos do poemario que máis chama a atención: está escrito en normativa reintegrada e así será publicado en Espiral Maior: "para fortuna da boa poesía, a normativa do galego empregada non foi para ningún xurado un factor relevante", di Ferreiro. "Alégrame moito que non fose un problema", di Susana Sánchez, "cando me decidín a publicar tiven que reflexionar moito sobre o tema da norma, porque escribir en reintegrado péchache moitas portas".

Dedoscomovermes leva dous anos na rede e toma o seu nome dun poema de Marilar Aleixandre: dedos como vermes/ das debandadoras de seda en Suzhou/ é a auga quente a que enruga a pel/ suave como auga. "O blog axudoume a vencer o pudor de que a xente lese o que eu escribía; levo moitos anos escribindo, pero nunca publicara nada, nin me presentara a premio ningún, se non fose polo blog seguiría a ter todo gardado en gavetas", di Susana, que engade que "tamén me axudou a ser máis constante, a publicar con regularidade, porque antes escribía ás arroutadas". Entre as súas lecturas, moitas, está Marilar, por suposto, aínda que a súa poeta preferida é a portuguesa Sophia de Mello Breyner. "Gústame o seu estilo sinxelo, que non simple, co que me identifico". 

(de)construçom achégase de xeito poético ao proceso de construción dunha casa. Unha casa real, física, alén das posteriores interpretacións que se poidan facer. "O poemario pretendía ser o diario da construción dunha casa, un diario de seguemento das obras; interesábame poetizar un tema tan pouco poético como unhas obras", di Susana: "agora o poemario está listo, e vai ser libro, e a casa aínda non está, mira o que son as cousas".

Lacena
nunca tanto destrago causou
vento chuva descarga eléctrica
um terramoto umha guerra
como a invasom lenta e silente
da formiga o mofo o gorgulho
porque as pegadas do seu nocivo avanço
assinalam que também na rotina dos dias
toda casa é quebradiço fogar.


Aposentos
na cama das vacas pace entre alfombras o meu sofá
lá onde a avó botava lavaduras masseira de porco
regurgita branca roupa e pura máquina lavandeira
onde a mesa de formica mantel de hule / disputas
papeis e livros sustentam os andeis da biblioteca.

é na mudança que a casa ressurge. como água de rio.


4,27/5 (22 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: