Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
RETÓMASE A COMPETICIÓN TRAS FIN DE SEMANA SEN PARTIDOS

Volve a Liga Asobal de balonmán

Teucro e o Octavio afrontan partidos contra rivais directos na primeira xornada, despois do derbi no que venceron os vigueses.

Redacción - 17:30 07/11/2008
Volve o espectáculo da Liga Asobal

Volve o espectáculo da Liga Asobal

Primeira xornada dos equipos galegos presentes na máxima categoría estatal do balonmán, despois do derbi disputado o 25 de outubro. O Octavio tratará de manter a boa imaxe que deixou na súa vitoria ante o Teucro, e buscará un bo resultado no difícil campo do Valladolid. Os pontevedreses reciben ao último clasificado da Liga Asobal, o Balonmán Alcobendas, coa necesidade de acadar unha vitoria que os afaste das posicións de descenso.

O Teucro recibe no pavillón municipal de Pontevedra ao Balonmán Alcobendas. Os homes adestrados por Victor García Borras tratarán de rachar a mala xeira de resultados pola que están a pasar, xa que so acadaron dous dos últimos oito puntos. O rival semella axeitado, por ocupar actualmente o último lugar da táboa con só un punto fronte aos catro do Teucro. O partido xogarase o sábado ás 20:00 horas.

Ao Octavio Pilotes Posada tócalle xogar como visitante esta semana. Farao nun campo difícil como é o polideportivo Pisuerga, onde agarda o poderoso Pevafersa Valladolid, adestrado por Juan Carlos Pastor. Os casteláns tratarán de dar continuidade ao bo momento que viven, xa que acumulan catro vitorias consecutivas coas que se están a recuperar dun mal inicio de ano. O Octavio tentará dar a sorpresa, aproveitando a fraxilidade defensiva do Pevafersa Valladolid, segundo equipo máis goleado da liga. Trátase dun enfrontamento directo de cara á clasificación, xa que o Valladolid ocupa o sexto lugar da Asobal con 12 puntos, dous máis que os vigueses, que ocupan a sétima posición. O partido está programado para as 17:00 horas do sábado.

O Coia defende o liderado na liga feminina
Na Liga Galega de balonmán feminino as xogadoras do Ázkar Seis do Nadal Coia estrean liderado no campo do Balonmán Coruña. As viguesas, que contan os seus tres partidos por vitorias, tratarán de superar a un Balonmán Coruña que gañou o seu primeiro partido a xornada pasada.

Pola parte de abaixo da táboa hai dous equipos que tratarán de acadar os seus primeiros puntos nesta quinta xornada: o Sárdoma e Bueu. As viguesas do Balonmán Sárdoma visitan ao Asador Arealonga de Chapela, mentres que o Bueu Balonmán viaxa até O Grove para xogar contra o Balonmán Rasoeiro.

O outro partido da xornada é o que enfronta aos equipos de Tui e Porriño, nunha xornada na que lle toca descansar ao Peguform de Redondela.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: