Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Agarda ingresar entre 10 e 15 millóns por ano

A Xunta bota adiante un canon hidroeléctrico pouco ambicioso

A lei que grava os encoros de produción hidroeléctrica renuncia a esixir compensacións adicionais segundo o consumo de auga e a produción hidroeléctrica real das empresas.

R.N - 19:00 09/10/2008

Serán arredor de 12 millóns de euros os que o Goberno conta ingresar a maiores anualmente unha vez que entre en vigor esta Lei do imposto que grava o dano ambiental causado polos encoros de produción de enerxía hidroeléctrica. Os cartos chegarán á caixa da Xunta froito de gravar a actividade dun total de 45 encoros de produción de enerxía hidroeléctrica en toda Galiza e o Goberno promete investilos nas zonas afectadas pola actividade, especialmente na recuperación dos seus contornos naturais.

Malia os ingresos estimados, nese aspecto económico o canon estabelecido si puido ser máis cobizoso. Así o opina por exemplo MªDolores Garza Gil, profesora do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, quen, tendo analizado o proxecto, considera que se trata dun texto que podería ter sido ben máis ambicioso. En conversa con Vieiros, a profesora Garza Gil cita por exemplo o feito en Cataluña e Estremadura, que apostaron nos dous casos por introduciren criterios adicionais á hora de esixirlles este pagamento ás eléctricas.

Xa que logo o Goberno decidiu que a base impoñíbel veña marcada en exclusiva polo volume máximo de cada encoro. O gravame será de 800 euros trimestrais por cada hectómetro cúbico, cunha cota final que variará ademais en función da potencia das instalacións destinadas á xeración eléctrica. Segundo explica a experta da Universidade de Vigo, non existirían razóns desde o punto de vista técnico, alén dos criterios estritamente políticos, que impedisen unha proposta máis ampla, baseada na valoración do consumo de auga e a enerxía real xerada. É precisamente o que, malia o recente da introdución deste tipo de taxas, se fixo por exemplo no caso catalán, onde se optou por gravar o consumo anual da auga. En parecido sentido, os estremeños decidiron que tamén contase a produción hidroeléctrica real.

Unha lei xurdida fronte á oposición da patronal e as ameazas de Fenosa
Desde a Xunta subliñan que de ningún modo o novo imposto ás empresas eléctricas terá impacto na tarifa eléctrica que pagan consumidores, sexan domésticos ou empresariais. Con todo, precisamente coa aprobación da lei cúmprese un ano das belixerantes declaracións de Honorato López Isla, vicepresidente e conselleiro delegado de Unión Fenosa, quen lle advertira ao Goberno que este tipo de canon "si está permitido trasladárllelo aos usuarios", asegurando que "penalizará" a competitividade do país.

Parecidos argumentos aos que hai ben pouco usaba a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), que presentaba un voto particular durante a votacion do Consello Económico e Social sobre o tema. Malia o ditame positivo do CES, a CEG quixo así expresar o seu rexeitamento a este canon, opinando que lle ocasionará un problema de competitividade ás empresas instaladas en Galiza.

Cartos para a "reparación ambiental"
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, enmarca a norma na viraxe cara a "unha política de cambio en relación coa produción enerxética", relacionando esta decisión co propio concurso eólico a piques de resolverse. Segundo Pérez Touriño, alén da capacidade recadatoria que engade este canon, conséguese o fin máis amplo de "compensar a Galiza" polo dano ambiental que levan producido estas infraestruturas.

A lei fixa que os cartos recadados sexan redistribuídos no financiamento de actuacións para a prevención e protección de recursos naturais e na conservación e reparación do ambiente e patrimonio natural fluvial afectado, directa ou indirectamente.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: