Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tamén introduce a obriga de usar o galego

A nova lei prohibe a publicidade institucional a partir da convocatoria de eleccións

Non se autorizarán mensaxes que destaquen logros de xestión nin obxectivos acadados e esixiráselles ás administracións unha memoria anual onde se detallen todas as campañas e o seu custo.

Redacción - 14:15 09/10/2008

O Consello da Xunta aprobou este xoves a Lei de publicidade institucional de Galicia, un proxecto avanzado hai dous días durante o debate do estado da nación polo presidente do Goberno, e que lle afectará a toda a actividade publicitaria desenvolvida polas administracións públicas e entidades dependentes. É a primeira vez que existirá en Galiza unha normativa específica a aplicar nestes casos.



A norma crea a Comisión de Publicidade Institucional, un organismo con funcións de asesoría e control sobre os anuncios e campañas desenvolvidos polas administracións, e no que, ademais dos representantes da Xunta, haberá tres expertos procedentes do ámbito académico ou profesional. Entre outros, a nova lei esixe que as mensaxes publicitarias da Xunta sexa difundidas sempre en galego, agás que o ámbito de difusión xustifique outras linguas.



A promesa da transparencia


A lei fixa nove criterios a garantir na publicidade institucional: veracidade, transparencia, legalidade, lealdade institucional, neutralidade, interese público, eficiencia, non discriminación e respecto á persoa e á súa actividade. O texto sinala que publicidade institucional é aquela destinada a "promover a imaxe das institucións, as súas actividades ou difundir información de interese público". A súa contratación deberá basearse na "calidade" e na "austeridade dos gastos" e a adxudicación dos contratos respectará os principios de publicidade, concorrencia e non-discriminación xa desenvolvidos na Lei de contratos do sector público.



Nese sentido, introduce unha serie de obrigas e prohibicións específicas. Así por exemplo, subliña a necesidade de que esta publicidade se identifique sempre como tal, diferenciándose de xeito perceptíbel das comunicacións realizadas con finalidade informativa. Ademais, non se poderá promover ou contratar publicidade institucional que teña como finalidade destacar os logros de xestión ou os obxectivos acadados por conta das administracións. Tampouco se autoriza publicidade que non obedeza a motivos de interese público. De paso, prohíbese que teña lugar no período comprendido entre o día de publicación da convocatoria de eleccións e o día en que se celebren, a excepción das campañas que atinxan ao propio proceso electoral.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: