Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICA DA ASEMBLEA EXTRAORDINARIA DO BNG

Entre o “nacionalismo de salón” e o “pragmatismo”

O Bloque celebrou a cita asemblearia máis tranquila da súa historia, marcada pola ausencia dos críticos e a unanimidade dos presentes.

Ramón Vilar - 21:20 05/10/2008

Ninguén pode negar que a Asemblea Nacional extraordinaria que celebrou este domingo o BNG é a representación nidia dun cambio de ciclo. E é que dous anos poden ser unha eternidade. Lonxe parece quedar aquel outono de 2006 onde, nun plenario taquicárdico, a militancia da organización frontista decidía aparcar un dos seus principais sinais de identidade: o asemblearismo. Sen dúbida, Quintana, o líder emerxente que viña de chegar á vicepresidencia da Xunta, enfrontouse naquela ocasión a unha das batallas máis duras e agres da súa vida política. Os sectores críticos (Encontro Irmandiño, A Alternativa e Movemento pola Base) apostaron duro e lograron case o 38% dos votos da militancia. Porén, co apoio da hexemónica UPG, Quintana obtivo unha carta verde para gobernar con certa autonomía a organización.

Vintetrés meses despois a militancia do Bloque volvía reunirse no mesmo escenario, aínda que calquera parecido entre as dúas citas era pura coincidencia. No Pazo de Congresos de Compostela non houbo nervios, nin carreiras polos corredores, nin negociacións de última hora. Todos e cada un dos 1.500 delegados chegados dende todas as comarcas do país, sabían que a marxe para a sorpresa era mínima. A dialéctica política ficara acoutada semanas antes nas asembleas comarcais e nos órganos de dirección.

Porén, quizais por ver se había algunha discordancia, os xornalistas estiveron especialmente atentos aos discursos abertos ao público: o de Francisco Jorquera e as dúas intervencións de Quintana. Calquera que se achegase até o recinto de San Lázaro este domingo vería que, dentro da unidade, semella haber dous bloques graníticos cada vez máis equilibrados: a UPG e o denominado “quinigá”. Haberá que comprobar nos vindeiros meses en que desemboca a decisión dos sectores críticos de non acudir á asemblea. No estrado permanecían sentados os membros do Consello e da Executiva Nacional. E aínda que non aparecía ningunha cadeira baleira, era evidente a ausencia de protagonistas da última asemblea como Beiras, Camilo Nogueira (si estaba Charo Fernández Vello) ou Fermín Paz.

Quintana mostra as súas cartas

Quintana non se achicou nas súas intervencións e quixo marcar o seu propio terreo. A súa idea xirou basicamente na necesidade de abrir máis o BNG cara unha “gran maioría galeguista”. O líder do Bloque cre que é posíbel converter a organización no “Partido Galeguista do século XXI”. A súa mensaxe é diáfana: cun maior aperturismo ideolóxico o BNG pode superar os 18 deputados conseguidos en 1997 (a plusmarca dos nacionalistas nunhas eleccións ao Parlamento de Galiza). Para Quintana, as municipais do ano pasado e as últimas españolas indican que o Bloque está a cambiar a curva descendente que se principiou a albiscar en 2001.

Na primeira intervención, o de Allariz deixou algunha frase en clave interna: “Os nosos adversarios querían ver un nacionalismo de salón. O que lles preocupa é o que practica o BNG”. Nunha defensa aberta do pragmatismo político e das accións do Goberno chegou a asegurar que “incluso lles molesta vernos coa xente divertirse” (en referencia ás festas dos maiores).

Entre o “sentidiño” e o “poder popular”

Nunha asemblea na que destacou a falta de diverxencias visíbeis, os aplausos nos discursos foron un bo xeito de medir o “feeling” entre sectores. O chamado “quinigá” aplaudiu sen dúbida con ben máis intensidade os discursos do líder que a UPG. Mentres Quintana, repetía até en seis ocasións a importancia da palabra “sentidiño” no seu último discurso, moitos cadros da principal formación do Bloque reservaron forzas para diferenciarse e entoar ao final o “Galiza ceive, poder popular”.

Sexa como for, a Asemblea Nacional extraordinaria pechouse sen estridencias. Ao remate da mesma, antes de coller os coches cara todas as estremas do país, os militantes máis veteranos recoñecían non lembrar unha cita con tan poucos sobresaltos. Había quen facía cábalas sobre os únicos 38 votos negativos que recibiu a candidatura de Quintana. O Bloque despídese de asembleas até o vindeiro ano, cando logo das eleccións ao Parlamento toque outra volta Asemblea Nacional ordinaria.

Anteriores:


4,69/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: