Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
FELIPE RODRÍGUEZ, DIRECTOR DE 'LOBOS SUCIOS'

"Ao redor da 'Cidade dos Alemáns' hai centos de historias persoais, a de cada un dos mineiros"

Prepara un filme de ficción sobre Manuela Valle, mineira do wolframio e unha das protagonistas do documental.

Marcos S. Pérez - 09:36 05/10/2008

O levantamento do cadáver de Miguel Cardeñas no ano 2003 foi o primeiro realizado pola Asociación da Recuperación da Memoria Histórica en Galicia. A partir do achádego destes restos, o documental reconstrúe a historia deste maquis andaluz, preso nas minas de Casaio, perto do Barco de Valdeorras, onde os alemáns extraían wolframio durante a Segunda Guerra Mundial.

Manuel Rivas resume nunha frase o que se vivía naqueles campos de concentración usados para obter o prezado mineral: "As minas de Casaio, hoxe abandonadas, desenterran a súa historia a quen queira escoitar. Unha historia que fala dun mineral que lle puxo prezo á vida e á morte... Dunhas xentes que loitaron por sobrevivir á devastación dunha guerra... Con lobos ao axexo, a albiscar esa historia, a verba wólfram acada todo o seu significado".

O filme entrelaza dúas historias: a do maquis Miguel Cardeñas e a do wolframio. Naceron en paralelo ou unha levou á outra?

Xa no 2004 eu estaba preparando outro documental. Tratábase dunha historia sobre un mestre de Casaio que acabou traballando de xerente nas minas de wolframio. Comezamos a traballar e demos coa neta do mestre, que vai facendo de fío condutor no documental. Despois tamén entrei en contacto con Santiago Macías, da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, e a través del cheguei á historia do maquis Cardeñas, e tamén a Manuel Rivas, que achega a terceira liña narrativa do documental, a máis poética.

Que tal foi a relación cos veciños de Casaio?
Moi boa. Hai sobre todo un personaxe no documental, Manuela Valle, que é fantástica, e é do que impacta máis a todos os que ven a película. Conta como traballaba a terra e arrincaba o mineral, e conta como se dedicou ao estraperlo. Manuela morreu dous días antes da estrea do documental en Ourense.

Queda moitísimo por contar da guerra e da represión, non si?
Hai moitas historias que aínda non están rexistradas en ningún lugar, sobre todo no interior do país, en Ourense ou en Valdeorras. Por exemplo ao redor disto que se chamou a 'cidade dos alemáns', hai centos de historias persoais, a de cada un dos mineiros.

Como foi a presentación do filme en Nova York, no festival de Tribeca?
Houbo dous pases impresionantes, e quedamos moi sorprendidos polo interese dos espectadores, que non tiñan idea ningunha sobre o tema, sobre a guerra civil, a represión, o papel das minas na Segunda Guerra Mundial...

En que estás traballando agora?
Pois precisamente é un proxecto que saíu a partir de Lobos sucios. É a historia de Manuela Valle, a cuxa familia coñecín na presentación do filme en Ponferrada. Teño dúas horas de gravación dela, e a partir delas quero facer un filme de ficción, que será unha historia de mulleres, que combinarei con outros relatos, mesturando o ambiente das historias que sempre contaron os avós na lareira: a noite, os lobos, a Santa Compaña... Hai outros asuntos moi interesantes, como o perto que estaban a chamada 'Cidade dos Alemáns' e a 'Cidade da Selva', en Pena Trevinca, onde se refuxiaban líderes moi importantes dos maquis, como Cardeñas, Girón, o Bailarín...


4,25/5 (8 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: