Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'Lobos Sucios', no Festival de Cine de Ponferrada

Encadeados ao wolframio

A partir da historia do maquis andaluz Miguel Cardeñas, o documental resonstrúe a historia das minas de Casaio, en Valdeorras.

Redacción - 11:00 28/09/2008

O levantamento do cadáver de Miguel Cardeñas no ano 2003 foi o primeiro realizado pola Asociación da Recuperación da Memoria Histórica en Galicia. A partires do achádego destes restos, o documental reconstruúe a historia deste maquis andaluz, preso nas minas de Casaio, perto do Barco de Valdeorras, onde os alemáns extraían wolframio durante a Segunda Guerra Mundial. A presentación do filme, escrito e dirixido por Felipe Rodríguez Lameiro, terá lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura de Ponferrada. Na presentación participará Santiago Macías, fundador da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.

O título é unha referencia dobre, tanto aos lobos, presentes en todo o filme, onde actúan de Leit-Motiv, e á tradución literal da palabra wolfram, que en alemán significa lobo (wolf) e sucio, ou escuma (rahm). Despois da localización do cadáver de Cardeñas, o filme avanza coa reconstrución dos pasos seguidos para a localización da fosa onde foi atopado o corpo (perto de Soutadoiro, en Carballeda): colaboración de especialistas, historiadores e testemuñas directas para a determinación do lugar exacto, mobilización dos netos dende Xerez apoiados pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica...

Até chegar ás minas de wolframio que construíron e dirixiron os alemáns durante a Segunda Guerra Mundial en territorio galego: a chamada "Cidade dos Alemáns". Alí os prisioneiros republicanos eran obrigados a traballar nos campos de concentración das minas.

Lobos sucios exhibiuse o pasado 5 de maio en Nova York no Festival de Tribeca. No documental participa Manuel Rivas e as pandereteiras de Leilía, que se ocupan da banda sonora do filme. Manuel Rivas resume nunha frase o que se vivía naqueles campos de concetración usados para obter o prezado mineral: "As minas de Casaio, hoxe abandonadas, desenterran a súa historia a quen queira escoitar. Unha historia que fala dun mineral que lle puxo prezo á vida e á morte... Dunhas xentes que loitaron por sobrevivir á devastación dunha guerra... Con lobos ao axexo, a albiscar esa historia, a verba wólfram acada todo o seu significado".


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: