Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na Terra Chá

Gandeiros galegos verten 25 mil litros de leite portugués en Outeiro de Rei

A protesta, encabezada por Xóvenes Agricultores, Unións Agrarias e Sindicato Labrego, reclamaba "un prezo digno" para o leite galego. A Xunta non aprobou os medios.

Redacción - 18:25 22/09/2008
O leite deitado ía ao predio da Corporación Peñasanta, da que fai parte a empresa Larsa

O leite deitado ía ao predio da Corporación Peñasanta, da que fai parte a empresa Larsa

Un grupo de gandeiros galegos deitaron, esta segunda feira de mañá na saída da autovía a Madrid, en Outeiro de Rei (Terra Chá), un total de 25 mil litros de leite que proviña de Portugal, nun camión cisterna da empresa lusa A Fornecedora. O leite ía camiño da planta Corporación Peñasanta, da que forma parte a empresa Larsa.

Na protesta, apoiada polos sindicatos Asaja-Xóvenes Agricultores (XXAA), Unións Agrarias (UUAA) e Sindicato Labrego Galego (SLG), tamén se amosaron pancartas que reclamaban "un prezo digno" para o leite galego.

O posicionamento dos sindicatos
Segundo as declaracións feitas polo secretario xeral de XXAA, Francisco Bello, a Europa Press, o acto facía parte das protestas dos gandeiros galegos ante as "constantes ameazas" de rebaixar os prezos de recollida do leite por parte das industrias lácteas galegas baseándose en criterios "falsos e de mala fe", ao tempo que mercan "por detrás" leite procedente "de Francia ou Portugal".

Polo seu lado, fontes do sindicato UUAA enmarcaron a protesta nas accións contra "os abusos das industrias sobre o traballo dos produtores do leite", e aseguraron que este tipo de prácticas "están asfixiando os gandeiros galegos" e "desequilibrando o mercado interno". O sindicato tamén criticou a entrada de leite de países "cunha produción superior ao consumo e cun prezo inferior" ao que hai no Estado Español, e reivindicou o dereito dos consumidores a "coñecer a procedencia da leite que consumen".

O responsábel do sector gandeiro do SLG, Xabier Gómez explicoulle a EP, pola súa banda, que é "lóxico" que exista importación nun estado deficitario de produción de leite en relación ao consumo, como acontece no Estado Español, mais criticou, ao tempo, que se empreguen "os prezos máis baixos do leite importado para fixar o prezo para os gandeiros galegos". Gómez coincidiu con UUAA ao salientar que as industrias lácteas están a importar "máis leite do necesario" para cubrir o déficit co obxectivo de "desestabilizar o sector e baixar os prezos" de compra. O responsábel do SLG tamén cualificou de "dubidosos" os controis de calidade aos que se somete o leite importado e denunciou que a maior parte desta "procede de Francia, e non de Portugal".

"Non é o camiño máis axeitado"
Dende a Consellaría de Medio Rural aseguraron, ao pouco de coñecer os incidentes, que este tipo de accións "non son o camiño máis axeitado" para chegar a unha solución á situación que atravesa o sector lácteo galego. Nun seu comunicado, o departamento que dirixe Alfredo Suárez lembra, tamén, que existe un "foro de diálogo estábel" que "debe servir" para abordar as distintas problemáticas do sector e propiciar" acordos entre os axentes que o integran.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: