Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
HOUBO CONSENSO

PSOE, PP, CIU e PNV pactan a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial

O órgano de goberno dos xuíces estará composto por sete mulleres e 13 homes e todos teñen unha filiación política.

Redacción - 12:30 09/09/2008

Despois de dous anos sen acordo algún, o PSOE, PP, CIU e PNV pecharon a lista dos vocais que elixirá o Parlamento español para a composición do novo Consello Xeral do Poder Xudicial. Dos 20 candidatos, nove foron propostos polos socialistas, nove polos populares, un polos nacionalistas cataláns e outro polos nacionalistas vascos.

O Consello Xeral do Poder Xudicial estará así presumibelmente formado por sete mulleres (cinco máis que até o de agora) e 13 homes. Todos os xuíces están afiliados a algunha formación de tendencia política, o que deixa sen representación independente á dirección do goberno xudicial malia que os que non teñen filiación son case a metade dos que exercen no Estado español (no anterior Consello había tres maxistrados independentes).

A Asociación Profesional da Maxistratura (APM) e Xuíces para a Democracia (JpD) son os dous colectivos profesionais que copan a maioría das vocalías de extracción xudicial: haberá seis representantes de APM e cinco de JpD. O outro será para a Asociación Xudicial Francisco de Vitoria, segunda no número de afiliados e que non tiña representación no anterior consello.

Poder xudicial
Os nomes que contarán co apoio do PSOE serán: a maxistrada do Tribunal Supremo e ex secretaria de Estado de Interior, Margarita Robles; a fiscal da Secretaría Técnica da Fiscalía Xeral do Estado, Almudena Lastra; a fiscal e presidenta do Secretariado da Unión Progresista de Fiscais, Gabriela Bravo Sanestanislao; o maxistrado da Audiencia Provincial de Girona, Carles Cruz Moratones; a maxistrada da Sala do Contencioso – Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, Inmaculada Montalbán Huertas; o presidente da Audiencia Provincial de Sevilla, Miguel Carmona Ruano; o presidente da Sección IV da Audiencia de Málaga, Manuel Torres Vela e o maxistrado da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña, Félix Azón.

O PP propón á xuíz de Madrid Gemma Gallego, coñecida por ter instruído o chamado "caso do ácido bórico"; o conselleiro de Xustiza e Administracións Públicas da Comunidade Valenciana, Fernando Rosa Torner; o letrado das Cortes Xerais, Claro José Fernandez Carnicero; o presidente do Colexio Nacional de Secretarios Xudiciais, Antonio Dorado Picón; o presidente da Audiencia Provincial de Xaén, Pío Aguirre Zamorano; o presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, Manuel Almenar Brenguer; a presidneta da Audiencia Provincial de Guadalaxara, Concepción Espejel; o maxistrado da Audiencia de Barcelona, Miguel Collado Nuño e o maxistrado da Sala do Civil do Tribunal Superior de Xustiza de Barcelona, Antonio Montserrat Quintana.

Pola súa banda, CIU apoia a Ramón Camp i Batalla, un dos redactores do Estatut de Cataluña ademais de ser un dos vicepresidentes do Parlamento catalán. E o PNV opta por Margarita Uría Etxebarría, quen foi deputada do PNV na anterior lexislación.

Os 20 vocais serán nomeados polo Congreso e o Senado a vindeira semana e tomarán posesión o próximo día 23 de setembro.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: