Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
informe alar galicia

"O machismo aínda está implícito na educación dos nenos"

No que levamos de ano, máis de sesenta mulleres morreron vítimas da violencia machista.

Clara Figueroa - 09:00 14/09/2008

O observatorio sociolóxico ALAR Galicia vén de publicar o seu último informe sobre a violencia de xénero e machista no conxunto do Estado. Segundo este informe (datos de agosto de 2008), foron 64 as mulleres que morreron no Estado Español polo feito de ser mulleres.

Marijé Díaz, de ALAR Galicia, explica que a lei contra a violencia de xénero aplícase cando hai ou houbo unha vinculación afectiva probada entre a vítima e o agresor, é dicir, cando a muller é vítima dunha agresión por parte da súa parella actual ou pasada, mentres que a violencia machista é toda aquela dirixida a mulleres vítimas de agresións por parte dun home polo único feito de nacer mulleres.

En Galiza este ano cometéronse o 8% dos asasinatos de todo o Estado
A violencia machista non é doada de erradicar posto que "é un problema moi complexo do que levamos turrando moitos séculos". Dende que comezou o ano, en Galiza morreron cinco mulleres, colocándose como a sétima comunidade autónoma, cun 8% do total dos asasinatos machistas cometidos no conxunto do Estado. Son Andalucía, Cataluña e Madrid as comunidades onde lamentan máis vítimas de violencia machista (16%).

Segundo sinalan dende ALAR, a situación ten mellorado moito dende 2005, cando foi publicada a lei contra a violencia de xénero. "De non habela, estaríamos peor", sinala Marijé Díaz, pero actualmente "a complicidade social contra a violencia machista é a nosa mellor arma nesta loita".

Porque unha lei global como esta, que precisa de aplicacións concretas para cada Comunidade, non vén a solucionar o problema educacional da sociedade. Máis do 60% das mulleres morreron na súa propia casa e a mans do seu home. "O machismo está implícito na educación dos nenos. Aínda que o texto legal recolle a necesidade de traballar na educación dende pequenos, non desenvolve aplicación concreta ningunha".

Segundo os datos tirados do informe do observatorio, cada tres días morre unha muller vítima da violencia machista no conxunto do Estado. Para evitalo, a vinculación social ten que ser unánime. "As campañas de concienciación da sociedade realmente funcionan, porque chegan á xente", sinala Díaz, "pero hai moito camiño que facer, posto que aínda estamos moi lonxe de vivir nunha sociedade sen compoñentes machistas".


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: