Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O GOBERNO ACUSA A GRUPOS ISLAMISTAS

A explosión dunha bomba deixa 16 mortos en Somalia

A cifra de falecidos podería aumentar, o mesmo que a de feridos, que xa supera o medio cento.

Redacción - 13:34 03/08/2008
Tags:

A explosión produciuse na estrada de Dakba, pola que circulan diariamente as forzas etíopes e da Unión Africana que están despregadas na capital de Somalia. Porén, a bomba, que estaba agochada baixo duns desperdicios, afectou principalmente a un grupo de mulleres que estaban limpando as rúas da cidade.

Boa parte dos 15 falecidos poderían ser estas mulleres, e non se descarta que ascenda o número de vítimas mortais. O subdirector do Hospital de Malina, Dahir Mohamed, afirmou que boa parte das 35 persoas que atenderon son mulleres e nenos "e case todos están graves", dixo Mohamed.

O atentado non foi reivindicado por ningún grupo, aínda que o portavoz da policía do Goberno provisional de Somalia, o coronel Abdulahi Hassan Barrise, xa acusou aos radicais islámicos de Alshabab de ser os causantes da matanza. "Isto é un acto terrorista, e detrás del está Alshabab", dixo Barrise aos medios de comunicación. "Queren aterrorizar ás mulleres para que non vaian recoller o lixo, e así eles poden utilizar os desperdicios para esconder as bombas", engadiu.

Somalia vive nun estado de anarquía e carece dun goberno estábel desde que o ditador Mohamed Siad Barré fose derrocado en 1991. En 2006, o Goberno provisional de Somalia pediu a axuda das tropas etíopes cando os Tribunais Islámicos, unha milicia islamita, fíxose co control de boa parte do país.

Varias agrupacións prol dereitos humanos informaron de que o pasado ano, polo menos 6.000 persoas morreron e centos de miles víronse forzadas a fuxir como resultado dos enfrontamentos entre o Goberno provisional e os Tribunais Islámicos. Aínda que o pasado 9 de xuño ambas as partes asinaron un acordo de paz, os atentados non cesaron posto que Alshabab, a facción máis radical dos islamitas, proclama que non abandonará a loita armada ata que as tropas etíopes saian de Somalia.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: