Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reunión este luns na Moncloa

Descentralización xudicial e ideas contra a crise, prioridades de Jorquera na xuntanza con Zapatero

O voceiro do BNG no Congreso tamén pedirá o compromiso do goberno español de abrir a outras forzas os pactos insinuados co PP a pasada semana.

Redacción - 12:45 28/07/2008

O voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, ten cita para a tarde deste luns na Moncloa para unha reunión co presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, xuntanza que forma parte do ciclo de encontros do presidente español con todos os voceiros parlamentarios en Madrid.

Na axenda, o representante do Bloque destaca varias prioridades. En primeiro lugar a necesidade de que se abran ao conxunto das formacións políticas con representación na Cámara baixa os acordos sobre os que os líderes de PSOE e PP dixeron ter vontade de negociaren entre eles. Destes pactos, destacan as renovacións do Consello Xeral do Poder Xudicial e o Tribunal Constitucional. O voceiro do Bloque xa pedira daquela que se supere a "instrumentalización partidista dos órganos xudiciais" subliñando que a renovación destas institucións debe ser froito do acordo "de todos" e "non da repartición de cotas entre o PP e o PSOE".

No mesmo sentido, Jorquera insistirá na reclamación da descentralización da Xustiza. Sobre este tema o Bloque xa ten criticado que Galiza conte con "competencias mínimas" na área de Xustiza. Nunha recente intervención no Parlamento, o deputado nacionalista Iago Tabarés referíase á ausencia dun Consello Xudicial propio no país e apuntara que cómpre avanzar máis neste eido pois, xa que, segundo explicou "non é lóxico que Galiza non poida decidir o número de unidades xudiciais que lle corresponden cando o 90% dos custes das mesmas corre a cargo da Xunta".

Por outro lado, Jorquera ten previsto solicitarlle ademais ao presidente do goberno español que no conxunto de iniciativas de resposta á crise económica que o executivo determine os criterios sexan a introdución de políticas sociais que "eviten o castigo sobre as clases máis desfavorecidas" e unha "decidida política de gasto público que inclúa unha clara aposta polo gasto en infraestruturas".


4/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: