A arte que se confunde con deporte, xurdida hai máis dun século no Brasil como forma de protesta e de manter os vellos costumes, será recoñecida.
A capoeira é definida como unha expresión cultural afrobrasileira xurdida nos guetos negros do Brasil, hai máis de un século, como unha forma de protesta fronte ás inxustizas sociais e o racismo, que ás veces se confunde cun deporte, pero que ten un chisco de arte marcial, un chisco de loita e outra de baile, e moito de expresión corporal e lingüística. É un xeito de expresarse, pois, como dicía o famoso profesor de capoeira, Mestre Pastinha, "Os negros usavam a Capoeira para defender sua liberdade".
A capoeira, patrimonio histórico
Esta terza feira o Instituto Patrimônio Histórico e Artístico Nacional (Iphan) concedeulle á capoeira o status de patrimonio inmaterial da cultura brasileira. Para conmemorar a decisión, na sede desta institución foi inaugurada a exposición "Rodas de Capoeira", con pinturas, esculturas en barro, instrumentos musicais, gravados e folletos que retratan o universo desta arte que agora é tamén patrimonio.
O ministro da Cultura brasileiro, Gilberto Gil, xa tiña declarado, nunha xuntanza da ONU na que se homenaxeaba o embaixador Sérgio Vieira de Mello -morto durante un atentado na guerra do Irak-, que a capoeira "poderia ser vista como instrumento da construção da paz mundial".
Dende aquela as accións do Ministerio, encamiñadas en poñer en valor a capoeira (coma a creación do programa Capoeira Viva) comezaron a virarse cara o recoñecemento da expresión como patrimonio do pobo brasileiro, segundo dixo a directora de Patrimônio Imaterial do Iphan, Márcia Sant'anna: "O começo do processo de registro já começou no âmbito dessas ações de apoio. Foi um projeto iniciado pelo ministério e do Iphan, mas contou com a participação de estudiosos e pesquisadores de três estados do Brasil: do Rio de Janeiro, da Bahia e de Pernambuco", sinalou.
"Embora a capoeira esteja disseminada em todo o mundo, alguns mestres da tradição oral nunca tiveram, pelo menos até recentemente, nenhum programa de valorização do seu saber", acrecentou Márcia Sant'anna.