Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
123 anos do pasamento de Rosalía de Castro

Chega a "data rosaliana de maior participación popular"

Esta terza feira Padrón encherase de actividades: lectura de poemas, presentación de libros, música e a entrega do III Premio para Experiencias Escolares.

Redacción - 09:00 15/07/2008
Rosalía de Castro

Rosalía de Castro

Esta terza feira, 15 de xullo, cúmprense 123 anos do pasamento de Rosalía de Castro, unha importante efeméride para a cultura galega, mais tamén para a vila de Padrón, que se xunta na Casa da Matanza cada ano por esta data, para lembrar á escritora e poeta na que é, segundo contan os organizadores, a "data rosaliana de maior participación popular".

Esta ano as actividades comezarán ás 20:00 horas, na Casa da Matanza (na Horta da Paz, a entrada é de balde) coa lectura dun poema de Rosalía na voz da vicepresidenta da Fundación que leva o seu nome, Ana Blanco. A seguir, os académicos Xesús Alonso Montero e Xosé Luís Axeitos presentarán dous libros (cos que ao final se agasallará aos participantes): O epicedio de Curros Enríquez "A Rosalía" en vinte linguas (número 8 da colección 24 de febreiro, co que a Fundación pretende render unha homenaxe a Manuel Curros Enríquez no centenario da súa morte) e Poetas con Rosalía III, (un volume que abren e pechan as aportacións de Salvador Espriu e Ángel García López, e que contén poemas, ad hoc, de Marilar Aleixandre, Vicente Araguas, Francisco Xosé Fernández Naval, Antonio García Teijeiro, Margarita Ledo, Manuel Outeiriño, María de Cebreiro, Carlos Negro e Baldo Ramos, que tamén é o ilustrador do libro).

Ademais, hase entregar o III Premio Rosalía de Castro para Experiencias Escolares e o grupo Metais de Galicia poñerá o ton festivo e a música nunha xuntanza cultural que rematará cun pequeno convite na horta da que gozou Rosalía nos tres últimos anos da súa vida.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A Casa da Matanza, lugar no que pasou os seus derradeiros días Rosalía, en Padrón
A Casa da Matanza, lugar no que pasou os seus derradeiros días Rosalía, en Padrón
Rosalía de Castro, esculpida / Flickr: byebyebird
Rosalía de Castro, esculpida / Flickr: byebyebird