Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Memoria Histórica

Etiopía pedirá a retirada de símbolos que loan en Italia ás forzas fascistas invasoras

Monumentos erixidos polo réxime de Mussolini, en especial un en Bruneck, e nomes de rúas conmemoran a brutal invasión de 1935.

Redacción - 09:00 11/07/2008
Monumento aos 'Alpini', en Bruneck

Monumento aos 'Alpini', en Bruneck

Durante a invasión de Etiopía en 1935, Alessandro Pirzio Biroli, xeneral dos Alpini, corpo de elite do Exército italiano, díxolles aos seus soldados: "Aquí non queda outra que ser ladrón, asasino e violador". Así foi, segundo recollen os documentos históricos, e así o recordan tamén os etíopes.

O embaixador de Etiopía en Italia, Grum Abay, convidado pola asociación cultural Südtiroler Schützenbund (da minoría xermanófona italiana), puido comprobar que os símbolos do réxime fascista de Benito Mussolini en lembranza da sanguinaria ocupación aínda perduran no norte do país, informa a axencia de noticias afrol News.

Os criminais da Segunda Guerra Italo-Abisinia son recordados como heroes no Tirol do Sur en forma de nomes de rúas -particularmente na capital da rexión, Bolzano- e monumentos. En Bruneck (Brunico, en italiano) hai un erixido en 1936 na 'honra' da chamada divisione Pusteria dos Alpini, que cometeu miles de asasinatos, violacións e torturas entre a poboación civil.

Oposición de grupos locais

Varios grupos locais e estatais levan loitando durante décadas para que este sexa retirado. O monumento xa foi obxecto de ataques antes de rematar a II Guerra Mundial, e dende aquelas foi parcialmente destruído en diversos ataques rexistrados en 1956, 1959, 1966 e 1979. Porén, as autoridades italianas arranxaron a desfeita en cada unha das ocasións.

"Aínda que o pobo etíope perdoou os ocupantes italianos, nunca esquecerá", sinalou Abay, que no entanto sinalou que "o pasado é o pasado". Porén, anunciou que informará ao presidente de Etiopía, Girma Woldegiorgis, -que loitou cos británicos contra os fascistas- e o primeiro ministro, Meles Zenawi.

Compensación, mais non perdón
A Corte Penal Internacional retirou os cargos por crimes de guerra -que incluían o uso probado de armas químicas- contra Italia porque cambiou de bando antes de rematar a II Guerra Mundial. O emperador derrocado Haile Selassie pronunciou en 1936 un discurso histórico ante a Liga das Nacións, queixándose da pasividade dos gobernos mundiais fronte á agresión e criticando o "refinamento da barbarie".

Selassie volveu ao trono en 1940 coa axuda dos británicos. Italia pagoulle a Etiopía 25 millóns de dólares en compensación polo ataque e mais a ocupación, mais nunca emitiu unha desculpa oficial polo masacre.

Por outra banda, o goberno italiano iniciou hai poucas datas o proceso de devolución do obelisco de Axum ao seu emprazamento orixinal, no norte de Etiopía, co traslado da primeira das tres pezas que o compoñen. O monumento de 152 toneladas, 23 metros e 1700 anos de antigüidade levaba en Roma dende 1937 cando foi alí trasladado por orde de Mussolini.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Tropas italianas marchan sobre Abisinia (Etiopía) baixo un cartaz de Mussolini (clique para ampliar)
Tropas italianas marchan sobre Abisinia (Etiopía) baixo un cartaz de Mussolini (clique para ampliar)
Haile Selassie, ante a Liga das Nacións, en 1936
Haile Selassie, ante a Liga das Nacións, en 1936
O embaixador de Etiopía en Italia foi convidado pola asociación Südtiroler Schützenbund (minoría austríaca)
O embaixador de Etiopía en Italia foi convidado pola asociación Südtiroler Schützenbund (minoría austríaca)