Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
RUBÉN RUIBAL, DRAMATURGO

"Ás veces parece que fóra do teatro subvencionado non hai nada"

O pasado ano obtivo o Premio español de Literatura Dramática con 'Limpeza de sangue'. Este venres presenta Fume/Insomnio, escritas con Carlos Losada.

Marcos S. Pérez - 09:00 27/06/2008

Rubén Ruibal reparte o seu tempo entre a horta e os seus fillos, dous xemelgos. Tamén entre o seu blog e o teatro, obviamente. O venres 27 presenta na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Compostela o seu último libro, que contén dúas pezas teatrais: Fume (escrito a medias con Carlos Losada) e Insomnio, publicado por Estaleiro Editora. A presentación comeza ás seis, o tempo xusto para que Rubén chegue a Vigo para ver o único concerto no país do seu idolatrado Dylan.

É a primeira obra que publicas despois de Limpeza de sangue e falo nunha editora nova, como Estaleiro...

Foi unha proposta deles, hai un par de anos, pouco despois de que me deran o Álvaro Cunqueiro. Fume é un texto que fixemos hai anos, tentando montar un grupo profesional, o Teatro Cachuzo, que non saíu adiante. Ben, si saíu, pero a min xa non me gusta iso de traballar sen cobrar. Carlos Losada é moito máis valente ca min. Insomnio foi un encargo dun grupo de teatro universitario, Ápeiron. Este libro valóroo moito, pola gran dificultade de publicar teatro en galego. Valoro, pois, a valentía de Estaleiro. E valoro tamén que sexa o primeiro libro de teatro que publica unha editorial á que lle desexo unha vida moi longa.

Fume
é unha obra que parte da realidade social, como case todos os teus textos. Fala dun 'traballador temporal e fumador perpetuo'...

Xurdiu dunha situación de desemprego, algo que foi moi común na miña xeración, e aínda máis nos anos oitenta. Con todo, a obra está máis relacionada coa explotación laboral crecente que se converteu na tónica dominante dos anos noventa. Cando escribimos a obra Carlos Losada e máis eu, as empresas de traballo temporal eran algo novo, e prohibido até pouco antes, o mesmo que era novo ese invento chamado mobilidade que din que é tan beneficioso, aínda que eu non creo que o sexa para ninguén máis que para as empresas e para os vendedores de petróleo. Pois eses temas que tratamos aí e que eran relativamente novo novos, agora anos despois paréceme que ficamos moi curtos, de que as nosas perspectivas eran moi tímidas.

Fume si que foi estreada, hai un tempo, pero con dificultades, non si?
Nós formamos parte da xeración perdida do teatro galego. Cando montamos Teatro Cachuzo no 2000 non había axudas para as compañías novas, como si hai agora, cousa que se agradece. O problema para nós é que agora xa ficamos tamén fóra de moitas desas axudas, que van destinadas a xente máis nova. Sempre quedamos fóra. Para sacar adiante Fume negociamos unha serie de pequenos patrocinios con empresas, e con iso e Nacho Casteño traballando de balde puidemos representala.

Sempre mantiveches unha opinión moi crítica sobre a política pública dirixida ás artes escénicas. Segues pensando igual?
Si, manteño a miña opinión, pero cada vez falo menos deses temas, unhas veces por aburrimento, outras por cabreo e algunhas por medo. En realidade estou bastante convencido de non dedicarme ao teatro de xeito profesional. O teatro afeccionado si que me atrae e hei volver a el, pero vexo difícil vivir do teatro. O plan de artes escénicas? Eu non me atrevo a dicir o que Antón Lopo, que lle chamou 'plan de autodestrución do teatro galego', pero non sei se non levará razón. O que si me chama a atención é que despois de 25 anos de políticas públicas dirixidas ao teatro non foramos capaces de crear un mercado fó das mans das administracións públicas. Ás veces parece que fóra do teatro subvencionado non hai nada, non se apoia a creación de compañías residentes, non se apoia o teatro afeccionado, nin o asociacionismo, en realidade creo que se practica unha política moi seguidista da que realizaba o PP.

E a Axencia Galega das Industrias Culturais?
Paréceme perigoso mesmo o nome. Cando se comeza a falar de 'Industrias Culturais' teño pánico de que en pouco tempo comecemos a escoitar falar con normalidade de 'industrias educativas' ou 'industrias da saúde'. Todo ten que ver coa rendibilidade. Dáme medo sobre todo porque isto procede dunha proposta política algo que supoñíamos que ía supoñer máis cambio.

Aínda tes esperanzas de que se represente Limpeza de sangue?
Nas condicións nas que debería representarse, non, non teño moitas esperanzas. Teño interposta unha demanda contra o IGAEM para que cumpran as bases, e supoño que terán que cumprilas. En realidade fágoo máis ben para tocar 'os juevos' e para que quede constancia do escaso apoio que teñen os premios de literatura dramática en Galicia. Hai dous premios importante e cada vez están máis devaluados, tanto o Álvaro Cunqueiro como o Dieste seguen coa mesma dotación económica coa que comezaron nos noventa, e no Cunqueiro un ano despois de gañalo eu suprimiron a cláusula que lles obrigaba a poñer en escena as obras gañadoras. Supoño que agora o IGAEM, Industrias da Xustiza mediante, terá que facer un concurso para levar á escena Limpeza de Sangue, pero en vez de ofrecer un orzamento de 60 mil euros, que sería o normal, terá unha dotación que non chegue a nada. Sacarana a concurso cunha dotación que non chegue a nada e cumprirán. Aí vailles unha pista. Menos mal que Espello Cóncavo queres montar o texto no te 2009, aínda que, en fin, eles xa quedaron fóra das axudas públicas este ano cun texto de Vidal Bolaño; está claro que non escollen ben os autores subvencionables.

Estás satisfeito co resultado final de Estigma, coa posta en escena?
Era unha proposta experimental e moi difícil, e non podo ser obxectivo, nin quero, porque eu formo parte do equipo. Son corresponsable dos méritos e dos defectos.

Co que seguro que ficaches satisfeito foi coa concesión do Premio Nacional a Manuel Lourenzo...
Por susposto, era dos premios que estaban cantados. E de non terllo dado a Manolo, sería un escándalo e o premio nacería eivado. Tanto el como Roberto Vidal Bolaño, que foi o meu mestre, son un exemplo, pois traballaron toda a vida polo teatro deste país, e Manolo segue aí. Admirable.

Cres que o Premio Nacional de Literatura debería segmentarse en xéneros, outorgando un, por exemplo, á Literatura Dramática?
Estaría ben que o premio de literatura tivese estas especialidades. Pero non pode facerse unha imitación dos do Ministerio. Sendo anuais non sei se quedaríamos pronto sen xente que premiar sen repetírmonos até o fastío. En todo o Estado publícanse cada ano ao redor de setenta textos dramáticos, e en Galicia non deben ser máis de dez. Quizais terían que participar tamén os textos que se representan, aínda que non se publiquen... Non sei, habería que buscar fórmulas adaptadas a nós.

En que estás traballando agora?
Pois ando de Sísifo, tentando rematar unha novela que leva quince anos para fóra e para dentro dun caixón e un par de textos de teatro dos que estou máis convencido, pero que probablemente fagan compaña á novela.

O nacemento dos teus dous xemelgos mudou a túa forma de escribir?
Como me cambiaron os hábitos, imaxino que si. Dende que naceron, xa non escribo a diario, como facía antes, e só me puxen con texto en serio, é dicir, con intención de rematalo nun prazo determinado, con Estigma, e porque era un encargo moi concreto e que agradecín moito, porque me devolveu á actividade. Pero ben, os cartos do Premio servíronme para contratar unha persoa que coida os nenos unhas horas, e así teño algo de tempo para traballar. O que non me deu foi a tentación de escribir para nenos, e menos para eles. As miñas obras son bastante pesimistas e tristes, cando en realidade eu non o son. Non quero que eles teñan a visión do mundo que reflicto nas miñas obras.

En Fume un dos personaxes canta The Man in Me, de Dylan, mentres remata con elegancia restras interminábeis de chourizos. Despois da presentación sairás disparado para Vigo, non si?
É unha canción moi alegre, cousa estraña en Dylan. Por certo que, de casualidade, tamén é o título dun libro dun bo amigo que lles estou propoñendo ás editoriais, polo momento sen éxito. A ver se lles apetece á xente de Estaleiro... Trátase, con engadidos, dunha recompilación de textos dylanianos publicados no blog +Dylan. E si, por suposto o venres irei pecar primeiro á presentación (por traballar no día do señor) e de aí xa saio disparado para Vigo. Sen parar nas peaxes.


Documentos

4,2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: