Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
DO 1 AO 5 DE XULLO

Mundos Dixitais segue a medrar

O certame internacional de creación audiovisual dixital levará á Coruña estreas exclusivas e expertos do sector.

Redacción - 17:20 17/06/2008
Logotipo do certame

Logotipo do certame

O 1 de xullo comezará na Coruña a sétima edición do festival Mundos Dixitais, que amosará o máis senlleiro da animación internacional, os efectos especiais e os videoxogos. A programación do evento, que se desenvolverá durante cinco xornadas, deuse a coñecer este martes.

O festival está organizado pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, a Universidade da Coruña e a Fundación Caixa Galicia. O director xeral afirmou que o obxectivo das xornadas é "poñer a Galiza no mundo, nun eido con moitísima repercusión".

Centos de profesionais e estudantes de todo o mundo participarán nun foro de referencia para o sector. Poderanse ver, como nas anteriores edicións, as últimas novidades dunha industria que segue a medrar de xeito exponencial e abrangue múltiples disciplinas. Na sede da Fundación Caixa Galicia na Coruña poderanse ver, en exclusiva, fragmentos das estreas máis importantes do ano, comentadas polos seus creadores.

Como novidade, a primeira xornada estará dedicada integramente á infoarquitectura e á representación de espazos virtuais tanto en imaxes estáticas como en animacións. O 1 de xuño rematará coa entrega dos premios 3DAwards, coñecidos como os 'Oscar da infoarquitectura', que terá lugar, excepcionalmente, na Coruña.

Os outros catro días do festival haberá conferencias e obradoiros de efectos especiais, cine de animación ou videoxogos impartidos por expertos. Estarán os responsábeis de filmes como 'Planet 51' ou do videoxogo 'Big Planet', a grande aposta deste ano para a Playstation 3.

Tamén participarán os responsábeis de Industrial Light & Magic, empresa de efectos especiais creada por George Lucas, que amosarán fragmentos dos seus primeiros traballos e mesmo adiantos de producións por estrear, como 'Parque Xurásico IV', 'Star Trek XI', 'Transformers II' ou a serie televisiva de 'Star Wars'.

O venres 4 verase, tamén, por primeira vez fóra dos EUA, 'Electronic Theater 2007', peza que recolle as mellores escenas das máis de 900 obras presentadas ao Computer Animation Festival, e que se proxectará no Teatro Colón.

E outro dos aspectos relevantes de Mundos Dixitais 2008 é o Festival Internacional de Curtas de Animación, certame de referencia internacional que contou coa participación de máis de 200 traballos de 35 países, o dobre ca na pasada edición. O sábado 5 coñeceranse os gañadores, como broche final do evento.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: