Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
O trasno

Coidados e cartos

O regalo da dependencia ten truco. Por baixo do envoltorio había dinamita para os gobernos autónomos que a teñen que aplicar, e tamén para os concellos. O invento que Caldera pon en marcha coas eleccións á vista, e co apoio dun aparato propagandístico desmesurado, transmitía a idea de que aquilo era un maná, e de que quen tiña un dependente a cargo lle tocara a lotería. Pero unha vez desenvolvido o catálogo de servizos da lei, chéganse a dar casos curiosos, como que xente que recibía un servizo gratuíto ou case gratuíto, agora, coa lei que recoñece o dereito, ten que pagar por ese mesmo servizo. A ensamblaxe de sistemas, crea moitos problemas, como en Galicia co cheque asistencial, e con moitos servizos de axuda no fogar dos concellos.

Daniel López Muñoz - 20:35 06/06/2008
Tags:

Por suposto que tamén é unha oportunidade, pero sería moito mellor sen ese afán intervencionista de Madrid que, no canto de limitarse a recoñecer un dereito e dotar suficientemente a quen é competente para prestalo, pois resulta que entra en detalles innecesarios. E, sobre todo, porque o tal Caldera que curiosamente -“aí queda iso”- desapareceu do goberno, encheu os medios de mensaxes que contradicían a letra e o espírito da lei.
Explícome: a lei non nace para desmantelar o sistema de servizos sociais, pero o efecto, en parte, pode ser ese. A lei di que o que se debe prescribir é un servizo, e que só “excepcionalmente” se dará unha prestación económica a un familiar ou veciño para que coide ao dependente, cando existan razóns ben xustificadas. Pois ben, a propaganda foi a dos cartos no peto e, agora, en vez de aproveitar todo ese financiamento para reforzar uns servizos públicos de calidade, desvirtúase o sistema e a excepción convértese en regra: a inmensa maioría dos plans de atención tradúcense en pasta gansa. Seguro que en moitos casos está xustificado e o vello queda ben atendido, pero como me dicía este día unha traballadora social a quen teño por excelente profesional, “ollo que non falta moito para que comecemos a entrar en casas de grandes dependentes con coidador para quitalo das súas propias feces”. Porque o que é evidente é que hai moito “coidador” do contorno familiar que xa non ten nin a capacidade, nin a forza, nin o criterio, para dar unha atención, unha limpeza, unha dignidade á persoa dependente. E a lei era para iso, e non para ter outra pensión coa que dar propinas aos netos para a fin de semana.


4,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: