Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cara ás autonómicas

Coas listas por depurar a emigración segue enchendo o censo electoral

Entre xaneiro e abril, catro mil cidadáns máis pasaron a integrar en Galiza o censo de residentes no estranxeiro.

Redacción - 10:45 25/05/2008

O crecemento dos electores vai camiño de triplicarse en 2008 con respecto ao mesmo período do ano anterior. Así, entre xaneiro e abril de 2008 inscribíronse no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) unha media diaria de case 50 galegos, unha cifra que duplica os datos recollidos durante 2007.

Na última cita coas urnas en Galiza, durante as eleccións xerais do pasado mes de marzo, tiveron dereito a voto un total de 324.388 emigrantes galegos. A cifra indicaba daquela unha porcentaxe superior nun 5,57% aos anteriores comicios xerais, en 2004, momento no que tiñan dereito a voto 306.335 electores.

Desta volta, a última actualización do CERA trae unha suma de 3.971 electores novos desde que comezou o ano. O maior incremento no censo de residentes ausentes foi na provincia da Coruña (+1.164), seguida de Ourense (+1009), Lugo (904) e Pontevedra (894). Deste xeito, nese primeiro trimestre xa se acadara máis da metade da cifra de novos electores da emigración que se rexistrara durante todo o ano anterior.

Depuración pendente do CERA
Segundo estimacións da propia Secretaría Xeral de Emigración, as irregularidades do CERA poderían implicar que arredor do 30% do censo fosen inscricións indebidas, debido entre outros a que as baixas por falecemento en moitas ocasións non se rexistran. O compromiso para a depuración do censo é unha promesa reiterada durante anos, pero sobre a que non houbo até o de agora ningunha iniciativa na práctica para a limpeza das listas.

Hai poucos días, os grupos con representación parlamentaria, PPdeG, PSdeG e BNG, chegaron á fin a un consenso para a revisión do voto da emigración. Con todo, o pacto "de mínimos", e co obxectivo de que a reforma estea lista para as próximas eleccións galegas, prioriza a demanda do voto en urna, malia recomendar tamén unha depuración urxente do censo de residentes ausentes.


4,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: