Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise do IECAH

Myanmar, algo máis ca un desastre

Aos devastadores efectos dun fenómeno natural, súmanse a incompetencia, a represión política, a manipulación, a falta de participación cidadá na vida pública e a pobreza. Análise de Francisco Rey.

Francisco Rey - IECAH - 09:45 11/05/2008
Mapa de áreas afectadas a día 6 de maio / Fonte: Ithaca - Cedido por Reliefweb

Mapa de áreas afectadas a día 6 de maio / Fonte: Ithaca - Cedido por Reliefweb

Durante os anos noventa tivo certo éxito no ámbito humanitario e de cooperación, a expresión "urxencias complexas" para referirse a situacións nas que diversos factores, naturais, políticos, económicos, producíanse simultaneamente en certos países, ocasionando situacións de urxencia e causando un enorme sufrimento humano. Algúns autores e ONG preferían o termo urxencias políticas complexas, o que puña énfase nas causas, e outras institucións preferían usalo como urxencias humanitaria complexas que, obviamente, falaba de efectos e non de causas. Pero todos coincidían nas ideas de complexidade e multicausalidade que, ao cabo, xeraban enorme sufrimento a miles de seres humanos. O termo usouse por vez primeira nos últimos tempos da guerra en Mozambique, nos que a perversa coincidencia con fenómenos de orixe natural, puxo ao bordo da morte a miles de persoas vulnerábeis. E algunhas axencias humanitarias e a propia ONU ségueno utilizando. Por algo será.

Pois ben, se nalgún caso aparece meridianamente clara esta idea de complexidade e, xa que logo, das dificultades ás que se enfronta o traballo humanitario é na crise ocasionada polo tifón Nargis en Myanmar. Os devastadores efectos dun fenómeno natural, non evitábel pero si predicíbel e xa que logo susceptíbel de ser mitigado, súmanse á incompetencia, a represión política, a manipulación, a falta de participación cidadá na vida pública e, evidentemente, a pobreza, para conformar un panorama desolador. Non só polos dramáticos efectos que vemos ao día de hoxe, senón polas previsións de que coa actual actitude do réxime birmano algo poida mellorar nos próximos días.

O comportamento do goberno birmano ao longo da crise foi de Manual. De manual do gobernante manipulador, inepto e oportunista, que analizará o como poden afectarlle certas decisións antes de tomalas. E, por suposto, pensará no seu futuro antes que no dos seus cidadáns. Por iso, como moitos outros gobernantes doutros países en situacións similares seguiu o Manual. Primeiro minimizar as cifras do desastre e tratar de transmitir o que "todo está baixo control". A continuación, presionado polas imaxes que transmiten os medios de comunicación, recoñecer a magnitude da traxedia, pero facer crer que o seu goberno a vai resolver de modo adecuado, mobilizando o orgullo e a dignidade nacional, e negándose a recibir axuda internacional. Máis tarde, ante a evidencia dos datos e o crecemento das cifras de mortos e afectados, realizará un chamamento internacional de axuda que, a continuación, tratará de boicotear, a menos que pase polas súas mans e sexa xestionado polo seu goberno. E niso estamos. A seguinte páxina do manual di que deixará entrar a axuda internacional pero intentará manipulala e pór certas condicións.

Lamentablemente esa actitude das autoridades birmanas está agravando a situación das vítimas e o seu acceso á axuda de urxencia. Pero non sexamos simplistas, moitos gobernos de moi diverso signo comportáronse do mesmo xeito, e certas actitudes internacionais non contribúen a mellorar a situación das poboacións afectadas polo desastre. Declaracións, tamén de manual de esposa de presidente en horas baixas, como as de Laura Bush, ou da súa filla, increpando o réxime birmano, están fóra de lugar. Como tamén o está o sensacionalismo de certos medios que, antes de que a axuda chegue xa nos din que está sendo roubada polos militares, en que quedamos?

Pero o que traxedias como a que hoxe sofre Myanmar pon de manifesto, e a iso non se lle presta atención, é á inadecuación das normas e institucións internacionais para previr e responder a estas situacións. Por raro que poida parecer nun mundo onde existen leis e normas para calquera cousa, non existe aínda un Dereito Internacional de Resposta aos Desastres que estabelecese obrigas para os Estados en materia de axuda de urxencia cando a súa capacidade se vexa sobrepasada e a súa poboación corra perigo. E que estabelecese tamén dereitos das vítimas para o acceso a esta axuda. Resulta paradoxal que, así como no caso dos conflitos armados -que parecería unha situación máis difícil- existe o Dereito Internacional Humanitario que estabelece certas obrigas para os contendentes, ou se estean abrindo camiño iniciativas como a Responsabilidade de Protexer, non se puxese en marcha algo similar para os desastres naturais. A iniciativa do Movemento Internacional de Cruz Vermella e Media Lúa Vermella e outras institucións de tratar esta tarefa camiña a paso de boi e os Estados non están colaborando de modo eficaz niso. Logo da tsunami asiática parecía que se aceleraba esta proposta pero até o de hoxe non se concretou nada.

Desde a perspectiva institucional as cousas melloraron bastante e a existencia do Fondo Central de Resposta a Urxencias (CERF) na ONU, fortalecido en 2006 e coordinado pola Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios (OCHA), está facilitando a mobilización rápida de fondos e recursos. Pero eses recursos serán pouco valiosos se as autoridades birmanas seguen pondo trabas administrativas á entrada de persoal especializado e bens de primeira necesidade ao interior do país.

Tratemos de resolver hoxe con urxencia os problemas de acceso á axuda en Myanmar, pero avancemos na reforma do conxunto do sistema internacional de prevención e resposta ante desastres para que a próxima vez, que a haberá sen dúbida, algo melloremos.


Ligazóns

5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: