Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
O 1 de maio en Ferrolterra

Incerteza co "Plan Ferrol" e teima no veto á construción civil

A falta de compromiso co porto exterior ou os atrancos para o desenvolvemento do sector naval, entre as reivindicacións das forzas sindicais.

Redacción / Europa Press - 09:00 02/05/2008

División nos actos polo Día do Traballo este Primeiro de Maio en Ferrolterra. UXT e CCOO celebraron de forma conxunta a xornada, mentres a CIG tivo o seu propio acto. As tres forzas coincidiron nalgunhas das súas reclamacións en favor dunha viraxe no modelo socioeconómico para enfrontar a crise actual, malia diverxer nas prioridades marcadas.

Así por exemplo, desde a UXT, o seu secretario comarcal, Xoán Luis Dopico, enxalzou o programa de axudas á reindustrialización impulsado polo ministerio de Industria e polo Igape, como un paso adiante cara ao desenvolvemento da bisbarra, subliñando que os créditos e axudas supuxeron "máis de 257 millóns de euros do goberno español", "máis de 63 millóns de euros do galego" e a xeración de máis de 1.300 empregos.

Dende CCOO, o seu secretario comarcal Xulio Abelleira, manifestou que en Ferrol se continúa "coa estratexia acertada", nun momento económico que debe ser aproveitado para "modificar o modelo produtivo" e seguir impulsando o Plan de Desenvolvemento de Ferrol, Eume e Ortegal, o bautizado "Plan Ferrol" promovido pola Xunta, pero mantendo como unha das reivindicacións sindicais centrais a necesaria construción do tren ao porto exterior de Caneliñas.

Obstáculos ao naval
Por outro lado, a CIG celebrou o seu acto baixo o lema "Pola soberanía nacional, por un modelo socioeconómico xusto e sustentable". O secretario comarcal da CIG, Xesús Anxo López Pintos, falou da necesidade de desenvolver un modelo económico "socialista" de distribución da riqueza fronte ao actual "neoliberalismo atroz" que na súa opinión impulsan "PP e PSOE xunto aos sindicatos CCOO e UXT" aos que acusou de actuar como "cómplices da patronal a nivel estatal".

De xeito específico, López Pintos laiouse de que non se estea aproveitando o potencial do sector naval e subliñou como exemplo da desatención do goberno español cara á comarca o "veto político á construción civil en Navantia" e a ausencia dunha renegociación que lle permita ao estaleiro fenés deixar de estar restrinxidos á construción militar.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: