Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Esta quinta feira

Estudan emprender accións legais polo intento de agresión á árbitra

"É lamentable que só saiamos nos medios por este tipo de cousas", dixo o delegado do Comité de Árbitros galegos na Coruña, que cre que esta historia colleu unhas dimensións inusitadas.

Redacción - 19:45 03/04/2008
Escudo do Comité Galego de Árbitros

Escudo do Comité Galego de Árbitros

O Comité Galego de Árbitros de Fútbol estuda, na tarde da quinta feira, emprender accións legais contra a persoa que tentou agredir o pasado domingo á asistente Alba Carballo, de 14 anos, nun partido de 1ª Rexional que xogaban en Carballo o San Lorenzo e o Dorneda.

En Vieiros falamos con Eduardo Rodríguez, delegado do Comité de Árbitros na Coruña, quen se amosou pouco amigo de falar para os medios, porque considera que o seu colectivo só sae na prensa "cando pasan, lamentablemente, cousas deste tipo".

Rodríguez dixo que o Comité, xunto cos pais da rapaza, van estudar a posibilidade de denunciar ao home que tentou agredir a Carballo (sempre facendo fincapé en que foi unha tentativa, que en ningún momento chegou a se producir a agresión á asistente), ao tempo que lamentaba que o fútbol sexa de interese de súpeto, por "cousas coma esta".

"Non che podo dicir se imos poñer denuncia ou non, posto que estas cousas é mellor sentarse a falalas con calma, pero ser é un feito da maior gravidade", dixo Eduardo Rodríguez, lembrando que o Dorneda "seguramente si vai poñer unha denuncia, porque o máis prexudicado foi un dos xogadores do equipo que se meteu a defender a asistente".

"Nós só somos noticia cando o facemos mal"
Parte da conversa con Eduardo Rodríguez tratou do xeito no que tratan os medios de comunicación social ao colectivo arbitral.

Rodríguez lamenta que se lle dea tanta repercusión, un pouco por "sensacionalismo" a esta tipo de temas, mais recoñece que para os medios é interesante tratar o tema da violencia no fútbol. Mais desta volta o árbitro pensa que a cousa colleu unha dimensión inusitada; "será porque é noviña e ademais é rapaza", dixo, "pero hai que lembrar que estes son casos illados, cousa duns poucos energúmenos", mais non a tónica dominante.

"É inevitable que nos acontezan, sendo árbitros, cousas coma esta. Só na provincia da Coruña asubiamos 10 mil partidos ao ano, pero actos destes hai moi pouquiños... pode pasar unha vez ao mes pero non máis", dixo Rodríguez, para terminar salientando que lamenta que o fútbol colla estas dimensións violentas, alén do espectáculo que debera ser, mais tamén salientou que neste aspecto "melloramos moito, somos máis civilizados".

"Nós non deberíamos saír nos medios; os protagonistas son os deportistas e os clubes... E só somos noticia cando o facemos mal ou cando pasan cousas coma esta. Gustaríame que algunha vez me preguntasen por outras cousas relacionadas co mundo da arbitraxe...", terminou Rodríguez.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: