Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
As Xerais vistas dende fóra

A prensa internacional fala de "tsunami bipartidista" e perda de votos dos nacionalistas

O Le Monde, o New York Times, a BBC, o Clarín, a prensa portuguesa... todos fan as súas propias análises do acontecido o domingo. Achegamos pequenos retallos.

Redacción - 11:45 10/03/2008
Celebrando a vitoria

Celebrando a vitoria

En xeral a prensa internacional coincide en salientar a repunta do bipartidismo nas eleccións deste domingo, mais tamén valoran a importante abstención dos votantes vascos e os poucos votos conseguidos por formacións que posuían grupos propios do Congreso, como EU e ERC.

Hai un apartado especial en case todos os xornais online no que se fala da perda de votos dos partidos nacionalistas, e, sobre todo na prensa anglosaxona, volven describir as políticas de Zapatero (matrimonios homosexuais, deixar facer ás autonomías, diálogo con ETA...) e mesmo se estrañan de que, a pesares de todo, e da "guerrilla política" feita por Rajoy, os socialistas volveron gañar no Estado Español, aínda que lonxe da maioría absoluta.

Velaquí veñen pequenos retrincos do que se escribiu sobre as eleccións xerais españolas no mundo.

En Portugal: "España bipartidaria"

O PSOE vence as lexislativas, mais sen maioría absoluta, é o titular do artigo sobre as eleccións españolas no xornal portugués Público, que destaca, sobre todo, que o Estado Español é cada vez "máis bipartidario".

Para os veciños portugueses os dous principais partidos, PSOE e PP conseguiron reforzarse, tanto en termos de porcentaxe como en número de votos, unha suba que, valoran, "foi conseguida particularmente en detrimento dos comunistas de Esquerda Unida e das formacións nacionalistas".

Na prensa francesa: "vitoria decepcionante"
Os franceses acaban de castigar nas urnas o partido do seu presidente, Nicholas Sarkozy. Esta fin de semana desenvolvéronse as eleccións municipais, e comparados cos de 2001, os resultados para a UMP, o gran partido da dereita no poder, non son moi bos: perde sete puntos, ao tempo que a esquerda gaña 2,5.

No seu artigo sobre as eleccións españolas, Le Monde destaca que os socialistas "conseguiron unha vitoria curta", descrita no corpo da noticia como "vitoria clara, pero en resumidas contas, decepcionante".

O xornal valora que a reelección de Zapatero se debe, "amplamente ao voto útil dos electores doutros partidos de esquerda", e enumera aos "excomunistas de EU, que perden o seu grupo, e aos "independentistas cataláns de Esquerra Republicana", que "afunden". Neste sentido salientan que o PSOE vai ter que "coidar" aos nacionalistas cataláns de CiU e aos vascos do PNV para poder gobernar.

Os franceses tamén salientan que, a pesares das "políticas de apertura" de zapatero cos nacionalistas, o seu partido "non foi sancionado". O artigo termina, unha outra vez, destacando a "bipolarización crecente da vida política española".

Na prensa británica: "tsunami bipartidista"
Parafraseando a Llamazares, líder de Esquerda Unida, a prensa británica describe a tendencia electoral no Estado Español como un "tsunami bipartidista", ao igual que grande parte da prensa internacional. Nun artigo titulado Zapatero celebra unha "clara vitoria", a BBC salienta que agora mesmo Zapatero e Rajoy compaten o 92 por cento do poder lexislativo, o que prexudicou a varios partidos, que perderon o seu grupo propio no Congreso.

Na prensa latinoamericana: "Bipartidismo e Rosa Díez"

Os socialistas volveron gañar as eleccións xerais en España, esta é a portada do xornal arxentino Clarín, que tamén destaca que as votacións consolidaron o bipartidismo de PSOE e PP, en detrimento doutros partidos minoritarios, entre os que destacan EU, Esquerra Republicana e o PNV. Tamén, como en parte da prensa internacional, saliéntase a chegada de Rosa Díez ao Congreso, cun seu escano propio.

Nos EUA: gaña o PSOE, a pesares das "audaces decisións" de Zapatero
Nun artigo que titulan Os socialistas, reelixidos despois dunha amarga campaña, o xornal norteamericano The New York Times describe as políticas sociais de Zapatero, que "a pesar de todo", lle deron a vitoria o domingo. Destacan as súas "audaces decisións", como a de retirar as tropas do Irak, a "concesión dunha maior autonomía ás rexións rebeldes de España" e a legalización do matrimonio entre homosexuais.

A vitoria de PSOE tamén é descrita como un desquite do "Señor Zapatero" ante Mariano Rajoy, "xefe do Partido Popular". A seguir, o artigo describe o clima electoral após o asasinato do militante socialista Isaías Carrasco, mais di que "aínda é cedo para dicir que efecto podería ter este feito na votación". Pola contra, tamén hai un espazo para lembrar que hai 4 anos Zapatero saíra elixido após os atentados do 11-M en Madrid.

Salientando que "España tal vez estea cada vez máis polarizada politicamente", fan unha descrición dos votantes-tipo de cada partido (con declaracións de varias persoas, votantes do PP, PSOE e IU) e terminan lembrando que a elección "do primeiro ministro" é un "proceso complicado no que os electores non votan por un candidato", senón por varias listas do partido (habendo máis de dúas ducias deles).

Tamén deixan falan do partido de Rosa Díez, e destacan, entre os moitos que lles parece que hai, á Falange (non se sabe se á Autentica ou á das Jons), que se opón, segundo contan, ás políticas de inmigración socialistas e que teima en preservar a memoria de Franco, que, porén, non conseguiu ningún escano.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: