Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
O PPdeG propón comisión de investigación

Soneira ponlle demanda á axente electoral socialista presuntamente pagada pola Xunta

Desde o PSdeG consideran "unha desmesura" a proposta do PPdeG para crear un órgano investigador "sen pedir aínda nin unha explicación ao Goberno".

Redacción / Europa Press - 09:00 28/02/2008

A voceira parlamentaria de Emigración do PSdeG, Marisol Soneira, anunciou este mércores que presentou unha demanda civil "para restituír a súa honra". A demanda foi presentada contra Isabel Blanco, a muller que asegurou viaxar a Bos Aires pagada pola Xunta para facer campaña para os socialistas nas pasadas eleccións municipais.

Soneira explicou en conferencia de prensa que a súa avogada xa presentou no Xulgado de Corcubión unha demanda contra a suposta axente electoral, que segundo explicou "non busca vinganza" nin persegue "resarcimento económico" de ningún tipo, senón a "restitución" da súa honra. A deputada socialista negou reiteradamente que sexan verdade as acusacións de Isabel Blanco, que entre outras cousas asegurou que recibiu un correo electrónico de Marisol Soneira no que lle facilitaba un billete a Bos Aires que supostamente pagou a Secretaría Xeral de Emigración.

Fronte a iso, Soneira explicou que simplemente intentou "botar unha man a unha familia que o necesitaba" e indicou que "non foi un caso excepcional". De feito, sinalou que sempre atopou "a aceptación" do conselleiro de Emigración do PP, Aurelio Miras Portugal, para solucionar este tipo de situacións de emerxencia relacionadas cos emigrantes galegos. "Fixéronme máis dano no persoal que no político", indicou a socialista, quen negou que presentase a súa dimisión. Finalmente, considerou que a petición do PP de constituír unha comisión de investigación sobre o caso é "tinta de lura" para desviar a atención sobre o feito de que o seu presidente, Alberto Núñez Feijoo, "levou recursos públicos da Deputación de Pontevedra" ao Centro Galego de México.

A "desmesura" da comisión de investigación
Ao respecto do mesmo tema, o voceiro do Grupo Parlamentario Socialista, Ismael Rego, considerou "de auténtica desmesura" que o PPdeG solicite a apertura dunha comisión de investigación na Cámara sobre a suposta utilización de fondos públicos para sufragar a viaxe e o salario dunha axente electoral do PSdeG nas pasadas eleccións municipais.

En declaracións a Europa Press, Rego considerou que a reclamación "forma parte do desespero no que vive o PP e Núñez Feijóo" e concluíu que "non hai precedentes nin razón que xustifique de momento unha actuación parlamentaria deste calibre". Rego acusou o PP de querer converter a institución parlamentaria "nun circo" e laiouse de que se pretenda a creación desta comisión "sen pedir aínda nin unha explicación ao Goberno" e a pesar de que hai "ducias de iniciativas" para que o Executivo dea explicacións. "Custaría máis a celebración da primeira sesión da comisión que a viaxe en si mesma", advertiu o responsable socialista.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: