Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ATAQUE ESCAMPE, ROCK ACÚSTICO

"Se dixésemos 'España es una mierda', se cadra estabamos detidos..."

A banda, xurdida no barrio compostelán de Vista Alegre, na Facultade de Filoloxía, publica o seu primeiro álbum, 'Galicia es una mierda'.

Marcos S. Pérez (textos)/ Lucía Iglesias (vídeo) - 11:10 27/02/2008

Coñecéronse en 2001 na Facultade de Filoloxía, e alí compuxeron as súas primeiras cancións e comenzaron a ofrecer os seus primeiros concertos. Despois de varias altas e baixas, e de paróns na actividade do grupo, a banda retoma a súa actividade en 2006, con catro integrantes: Samuel Solleiro, Álex Charlón, Miguel Mosquera e Roi Vidal. Comezan a chegar os éxitos: Ataque Escampe gañou co tema Afganistán Canto o I Premio de canción de autor Utopía Son, celebrado no Café Uf de Vigo. A seguir publicou o seu ep Ed Wood e a Invasión dos Paraugas Asasinos (cuarto mellor disco do ano para os lectores de Sono-Tone), e completaron o 2007 gañando o concurso GZ Crea.

Con Samuel Solleiro nas Antillas, Ataque Escampe deu entrada a dous novos integrantes: Marco Gelpi e Francesc Esteve, para reforzar o son do grupo. As trece cancións de Galicia es una mierda, publicado este 27 de febreiro, pódense descargar de balde na Regueifa, e a súa edición física estará nas tendas a mediados de marzo, incluíndo un bonus track. Entre os proxectos de futuro, o grupo baralla unha xira polos centros sociais de Galiza xunto a Leo i Arremecaghoná, así como a edición dun ep conxunto co cantantor de Matamá e os Novidades Carminha.

Galicia es una mierda

A granxa de Alexandre

Galicia é unha merda? A que o título do disco?

É un título contraditorio porque nós cantamos todo en galego, e ademais imos tocar a sitios nos que seguramente non comparten esa afirmación, pero que o digamos nós non significa que sexa certo... Por iso hai unha compoñente irónica no título, e unha compoñente real, tamén, de que Galiza non é nada, e Galiza será o que a xente con conciencia de construción nacional queira. O título remite primeiro ao tema do autoodio, que aínda segue vixente, e por iso está en español. O autoodio asóciase coa vergonza de falar galego, e está relacionado tamén cun complexo de inferioridade.

No título reflítese tamén unha insatisfacción política?
Si, claro, o título pódese entender tamén pola insatisfacción xerada nestes dous anos de goberno, pola idea de que a Galiza aínda lle queda moito por facer, por cambiar, e que pode chegar a ser unha cousa moito máis aberta ao mundo, máis solidaria, máis resistente ao sistema, e que se cadra a xente, o cidadán con conciencia galega, está moi por diante do que son os grupos políticos que o representan. Iso ten a parte positiva de que se pode crear unha base social ampla, cos centros sociais, con concertos, con grupos e con artistas en xeral, que vaia por diante dos seus representantes políticos, que non acaban de cumprir esa esperanza que moita xente tiña depositada neles. Os que a depositaron, claro.



Credes que na música galega falta provocación, vontade de romper regras?
Eu non digo que toda a arte teña que ser provocación, pero si. É curioso, porque a actitude punkie chegou en Galiza antes á poesía que á música, quitando algunhas excepcións, como os Resentidos, que fixeron o Galicia Canibal, que é un pouco como Galicia es una mierda. A nosa é como o paso seguinte. É que ao primeiro non provocabamos nada, mesmo unha vez que fomos tocar á TVG, polo de Andrés Dobarro, dixemos: 'hoxe imos provocar'. E por iso fomos con pantalóns de obreiro, e berramos no medio da canción 'cos compañeiros do metal', porque estaban en folga en Vigo. E ninguén nos dixo nada, ninguén dos que estaba alí, todos pasaron. Dixemos: 'pois haberá que titulalo Galicia es una mierda, para escandalizar a alguén'. Se dixésemos España es una mierda, se cadra estabamos detidos...

Concordades coas críticas realizadas por algúns grupos contra a falta de compromiso político da nova onda de grupos galegos?
O que pasa é que antes o compromiso político estaba moi encasillado con certos estilos en concreto. Por exemplo no pop os temas eran máis cara a dentro, máis privados, máis intimistas, sobre cousas que lles pasaban aos membros do grupo. Pero nós viamos necesario que ao tempo que falas de ti tamén fales do teu contexto, de Galiza, e do mundo. No disco todas as cancións teñen ese dobre significado: individual e colectivo. Logo tamén había e segue habendo certos estilos cun discurso máis compracente, coma o folc.



Valorades como positivo o actual momento da música galega?
Si, claro. Están saíndo moitos grupos, de moitos estilos distintos e cantando en galego en moitísimos casos. Non deixa de resultar curioso que este espertar da música galega e en galego coincida precisamente co momento en que afunde a industria musical. Agora, sen esa intermediación, hai moitas máis posibilidades para os grupos que queren gravar e tocar.

Sodes un grupo punk? Porque a actitude, e o título dos disco si que o son
O título do disco é punk total, e a actitude é tamén punk. O que pasa é que é un punk non entendido como hoxendía se entende, como xénero de guitarras eléctricas, batería, así monolíticos, senón como un punk dos Stooges, e da Velvet Underground e de Frank Zappa, que combinaban a actitude punk cunha sonoridade que se podía acercar máis ao pop ou ao rock. Por iso musicalmente somos máis rock ou pop, pero a actitude si que é punk. O punk ten gañado hoxe o significado de algo que sobrepasa o mundo da música.

Sodes un grupo de rock que toca se baixo nin batería. Ese é un dos vosos sinais de identidade. Iso vai cambiar?
Si, dá personalidade, pero o que pasa é que non compensa o que dá co que quita. De todos os xeitos o baixo ocupa moitísimo no coche, e esa é a verdadeira razón técnica pola que non o usamos (risas). Se cando montamos o grupo coñecéramos a alguén que tocase o baixo, pois teriamos baixo. E se coñecéramos a alguén que tocase a batería, teriamos batería, pero como non coñeciamos, tivemos que apandar co que había. E agora para non botar á xente, temos que seguir (risas).

Que diferenzas hai entre o ep e o disco: a nivel musical, das letras, de concepto, dos obxectivos do grupo...?

O disco é moitísimo máis ambicioso, primeiro porque tardamos moitísimo máis tempo en gravalo; a maqueta gravámola en dous días, e o disco foi un proceso máis difícil e coidado. Tiñamos máis intención e máis ilusión tamén. Despois nós seguimos sendo os mesmos músicos, e seguimos tocando algo a descompás e desafinados. Esa é a filosofía do rock de serie b, que se mantén e é moi divertida, porque hoxe a maioría dos grupos tocan ben. E a intención de tocar mal é un valor engadido.

Dicides que o disco é ambicioso. Gravouse con tempo, con moitos instrumentos...
A nós iluminounos a gravación da versión de Andrés Dobarro, para a que levamos colaboradores no acordeón e no banjo. E dixemos: 'ostia, isto soa guai con máis instrumentos, no disco hai que facelo así'. De todos os xeitos no disco tamén hai cancións máis en plan acústico, con poucos instrumentos, para facelo máis variado, porque o disco é bastante longo, dura 46 minutos.

Levades moitos cambios de integrantes do grupo. Esta é a formación definitiva?
No disco hai bastantes instrumentos, e para defendelo mellor en directo está ben ter máis xente. Despois cando veña Samuel, que virá en xuño, facémoslle outra vez un casting (risas). Fai moi boas letras, de feito, así que creo que seguirá no grupo.

Tedes máis cousas de Xil Ríos ou de Violent Femmes? Máis influencias da música popular galega ou da norteamericana?
A Xil Ríos tampouco o reivindicamos moito, pero é unha boa persoa (risas) Terías que preguntar tamén por Neil Young e diriamosche que un pouco dos tres. Creo que temos máis do folc norteamericano, claramente, mal que nos pese. Pero tampouco temos un espírito texano, non somos cowboys. Despois é certo que hai instrumentos como o acordeón, que o tocamos dun xeito máis popular, como se pode tocar nunha taberna.

Un poeta para musicar? Méndez Ferrín, María do Cebreiro, Chus Pato, Lois Pereiro...?

Ou agardamos a que Gamoneda escriba en galego (risas). Non, en principio gústanos facer as nosas letras e imos seguir así. Ademais, xa intentamos musicar textos doutros, pero non é nada doado. E por iso é tan valioso o que fixeron, por exemplo, Fanny e Alexander.



Que sería Ataque Escampe sen o barrio de Vista Alegre?
Vista Alegre é o berce de Ataque Escampe. Aí naceu, aí morrerá, e aí se relaciona co mundo, con algún mundo, co submundo. Ataque Escampe non sería nada porque alí é onde pasamos a maior parte do tempo, sobre todo o ano pasado. Vista Alegre é case como Santa María para Onetti, ou Macondo para García Márquez. Porque Ataque Escampe é Vista Alegre. Alí é onde todo conflúe, onde se dan cita os hippies e os punkies, os madridistas e os celtarras e todo tipo de grupúsculos que nunca terían cabida noutro lugar. E vellos, sobre todo vellos... E por iso sae moitas veces nas cancións, e seguirá saíndo porque é un lugar bastante peculiar, que pode ser unha metáfora do futuro, coño. Digo eu que si (risas). E á parte combina ben o mundo rural co mundo urbano, é como un microcosmos.

E combina dende a Facultade de Filoloxía até o bar Don Manuel...

Si, claro, porque antes de Vista Alegre está Filoloxía, onde nos coñecemos.


Ligazóns

4,95/5 (43 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: