Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O RELEVO DE FIDEL

O triunfo dos veteranos de Sierra Maestra

A renovación de cadros dirixentes que algúns prognosticaban non foi tal.

Redacción - 22:20 24/02/2008

Non houbo sorpresas, Raúl Castro Ruz vai substituír a seu irmán Fidel como máximo dirixente cubano. A estas horas os medios de todo o mundo teorizan sobre o que pode significar esta elección para o futuro inmediato da illa. Mais unha lectura innegábel é que o Partido Comunista de Cuba aínda non cre que chegase o momento dun relevo xeracional. José Ramón Machado Ventura, outro veterano de Sierra Maestra de 77 anos de idade, será o número dous do goberno. Eis a principal sorpresa do proceso deste domingo.

A pregunta máis repetida é se o cambio de presidente vai traer tamén mudanzas significativas no sistema cubano. Raúl Castro deu algunhas pistas sobre as súas intencións a finais do ano pasado. Nun discurso, o agora presidente electo recoñecía a existencia de importantes carencias na vida cotián dos cubanos, especialmente entre os que contaban con menos recursos. Naquela intervención, avogaba por emprender reformas e os medios de todo o mundo subliñaron algunhas concesións que fixo á autocrítica: "Debemos eliminar a nociva tendencia ao triunfalismo e analizar o exceso de prohibicións e medidas legais que fan máis mal ca ben".

Raúl Castro ten fama de ser un político máis pragmático e de ter dotes de bo organizador. Mais a súa figura tamén ten numerosos detratores. Moitos dos opositores ao réxime cubano consideran que Raúl "é máis do mesmo" e que con el os cambios van ser insignificantes. Pola súa condición de ministro das forzas armadas, os seus detratores consideran que é a cabeza dos sectores "máis duros e inmobilistas".

Fidel Castro ten dito que seu irmán era "o compañeiro máis capaz por experiencia e méritos" aínda que tamén admitía un problema de idade (ten 76 anos) á hora de poder afrontar proxectos de longo percorrido. Na carta de renuncia Fidel Castro sinalaba que había cadros máis novos no Partido Comunista sobradamente preparados para ocupar os máis altos cargos. Porén, a elección de Raúl Castro e de José Ramón Machado como números un e dous do goberno confirma que os veteranos de Sierra Maestra seguen a ser, case cincuenta anos despois, o cerne do sistema.

Resultados do Comité Central

Membros do Consello de Estado


5/5 (1 votos)