Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
Xerais08

"Abonda con que lles digan aos seus alcaldes que paren de talar árbores e co cemento e o ladrillo"

O secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, ironizou así sobre a proposta do PP de plantar millóns de árbores en catro anos.

Redacción - 09:00 11/02/2008

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, acusou hoxe a Mariano Rajoy de "tirar da política do medo, da división e da confrontación" o que, indicou, "nunca creou expectativas de futuro" e "nin sequera en campaña electoral é bo nin positivo para España". Segundo sinalou Touriño este domingo ao finalizar o mitin do presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, en Madrid, o que "necesita a cidadanía" é a "vontade de unión, de integración, de cohesión e de ganas de gañar o futuro", algo que "propón o PSOE" e constitúe "a oferta de Zapatero".

Así mesmo, Pérez Touriño aproveitou para tratar a promesa do PP de plantar 500 millóns de árbores nos catro anos de lexislatura e indicou que "en Galiza teríao moi doado, sen esperar ao 9 de marzo" xa que, "abonda con que lle diga aos seus alcaldes que paren de talar árbores" e "de encher as prazas e as rúas dos pobos de cemento e de ladrillo". Ao respecto das propostas sobre inmigración do PP, Touriño opinou que no Estado español "todos, sen distinción de sexo, cores, raza ou relixión, procedan de onde procedan, teñen os mesmos dereitos, as mesmas obrigas e as mesmas posibilidades". "Ese é o país polo que apostamos os socialistas e no que ao parecer non cree Rajoy", criticou. "Especialmente en Galiza, que é un país de emigrantes, nunca nos quereriamos ver na situación de pensar que a nosa xente na emigración puidese ser tratada como agora reclama Rajoy", reprochoulle.

Louro ve "menor" o papel de opcións como o BNG
O cabeza de lista do PSdeG ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Antón Louro, advertiu este domingo de que o que se xoga nas eleccións do próximo 9 de marzo é se goberna o PP ou o PSOE e considerou "menor" o papel das outras opcións en liza, entre as que está o BNG.

Louro explicou que esta análise "non é un chamamento ao voto útil" e que non pretende "negar o papel de ninguén", aínda que sinalou que formacións como ERC, CiU, PNV ou o propio BNG deben "xogar o papel que lle corresponde, achegando certa pluralidade, pero nunca sendo determinantes". O candidato socialista asegurou que "tódolos indicadores" colocan á súa formación "en moi boa posición de saída" e, no caso concreto de Pontevedra, explicou que a información da que dispoñen é que o PSOE "subirá de forma importante", aínda que non quixo prognosticar en se se traducirá no cambio dun deputado.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: