Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
4x4= - Planeta

O número de todoterreos segue a medrar a pesar de seren máis contaminantes

Ecoloxistas en Acción e Verdegaia denuncian nun informe a capacidade destrutiva que este tipo de vehículos teñen sobre o medio ambiente.

Texto e vídeo: Lucía Iglesias - 19:15 15/01/2008

En tan só dous anos, os vehículos 4x4 cuadriplicaron o seu número. Cóntanse por centos os todoterreos que cada día ateigan as estradas galegas e contribúen a contaminar o noso ambiente. Ante esta situación, Ecoloxistas en Acción e Verdegaia elaboraron un informe baixo o título de 4x4= - Planeta no sacan á luz relevantes datos sobre o impacto producido por estes automóbiles e nos que se desmonta a idea de que aportan “máis seguridade”.

Os niveis de emisión de CO2 dos todoterreos sitúase habitualmente por riba do do resto dos vehículos, superando a maioría deles os 200 gramos de CO2 por quilómetro. Isto convértese en insostíbel, segundo indican os colectivos ecoloxistas, nun momento crítico no contexto global do planeta, marcado polo cambio climático. Ademais destes niveis de dióxido de carbono, este tipo de coches tamén ten un elevado nivel de emisión doutros contaminantes atmosféricos, o que contribúe a aumentar as afeccións cardiorrespiratorias e agravando a precariedade atmosférica das cidades.

No referente ao mundo rural, os 4x4 destrúen en moitas ocasións o terreo, segundo indicou o coordinador xeral de Verdegaia, Xan Duro, que tamén comentou que os todoterreos chegan incluso a “pasar por riba dos restos arqueolóxicos”, supoñendo tamén a degradación de camiños e pistas forestais.

O coordinador de Verdegaia sinalou tamén a falsa idea de que os 4x4 son os vehículos máis seguros:



Incremento da produción
Este tipo de vehículos afecta tamén ás cidades. Segundo Xan Duro, provoca atascos e en moitos casos accidentes, pero tamén instaura a cultura do medo, “xa non se pode andar ou xogar pola rúa sen perigo”. Cada vez queda menos espazo para a xente, en favorecemento dos vehículos.

A pesar de atopármonos nunha época marcada polo cambio climático e a necesidade de protexer o medio ambiente, en lugar de diminuír a produción deste tipo de automóbiles o que está sucedendo é que se están a incrementar, ben por prestixio ou por publicidade enganosa “na que se eliminan as connotacións negativas”.

O número de 4x4 medra exponencialmente, e supón o 8 por cento dos vehículos vendidos no Estado, pero “son os que máis dano fan”. A produción cuadriplicouse no período 2004-2006, xusto no momento no que a produción debería seguir o ritmo contrario para favorecer o medio ambiente.

Propostas dos ecoloxistas
Estes grupos sinalan a necesidade de levar a cabo medidas fiscais como o imposto de matriculación, o de circulación, polo que se gravaría anualmente a este tipo de vehículos, o imposto ao combustíbel, estabelecer unhas tarifas de aparcamento máis elevadas para os coches máis grandes e contaminantes e impoñer peaxes de acceso á cidade, como xa se está a facer en Londres ou Milán. Os cartos recadados deberían entón reverter no fomento e mellora do transporte público.

Tamén propoñen unha maior información á sociedade, advertir das problemáticas de uso deste tipo de coches e obrigar á certificación enerxética, ademais de estabelecer zonas de exclusión, tanto no rural, como nas zonas urbanas. Sobre todo destacan as iniciativas de limitar as emisións a 120 gramos por quilómetro para o 2012 en toda a Unión Europea e realizar políticas coherentes baseadas no fomento do transporte público.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: