Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MOLINA, LOURO, BLANCO E ESPINOSA

O PSdeG-PSOE presenta os seus candidatos prometendo o AVE para 2012

Blanco afirmou que os galegos só teñen "dúas opción de goberno: Zapatero ou Rajoy", na procura duns comicios bipolarizados.

Redacción - 15:42 13/01/2008

As intervencións dos candidatos socialistas salientaron os avances sociais do goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, centrándose máis nunha óptica estatal e na crítica á "oposición destrutiva" do PP. Porén o PSdeG-PSOE dirixiu tamén os seus discursos ao BNG, na procvura dunha bipolarización dos comicios e reclamando o chamado voto útil. Por exemplo José Blanco, número un por Lugo, exhortou aos militantes socialistas a difundir a mensaxe de que "para os votantes galegos só hai dúas opcións de goberno, só poden gobernar Zapatero ou Rajoy".

De igual xeito Blanco reclamou que "a auténtica voz de Galicia é a que decide nos consellos de ministros avances para Galicia", en referencia aos tres ministros galegos do gabinete de Zapatero (dous deles candidatos nas eleccións). Tamén Touriño fixo referencias aos nacionalistas, afirmando que "Galicia non é unha nación sen Estado, como din algúns despistados", senón que forma parte dun Estado ao que os socialistas galegos sentímonos orgullosos de pertencer".

Blanco e Touriño comprometéronse a que o AVE chegue a Galiza no ano 2012, e de feito o secretario xeral do PSOE afirmou que a obra será a primeira prioridade do goberno Zapatero na vindeira lexislatura. Os catro candidatos provinciais, así coma Emilio Pérez Touriño, ratificaron o obxectivo de que o PSOE sexa a primeira forza política en Galiza nas eleccións de marzo, e tamén nas autonómicas que se celebrarán en 2009.

Críticas ao PP
Nas restantes intervencións, tanto Antón Louro (candidato por Pontevedra), como César Antonio Molina (candidato pola Coruña), como Elena Espinosa (candidata por Ourense) cargaron contra o PP, ao que acusaron de partido "rancio" e de practicar unha "oposición destrutiva". De igual xeito, Pepe Blanco acusou a Rajoy de "mal profeta de catástrofes", de alimentar o pesimismo e o medo, e de non confiar nos cidadáns.

No acto participaron cargos e militantes socialistas de toda Galiza, entre eles os alcaldes de Lugo, A Coruña, Ferrol, Ourense, Vigo e Santiago, o delegado do goberno, Manuel Ameijeiras, os conselleiros Manuel Vázquez, Ricardo Varela, José Ramón Fernández Antonio, e José Luis Méndez Romeu, así como a presidenta do parlamento, Dolores Villarino. Presidiu o escenario o lema escollido polos socialistas para a precampaña, La mirada positiva, escrito en castelán, aínda que a maioría das intervencións no acto realizáronse en galego.

As listas
O PSdeG-PSOE presenta vinte homes e 15 mulleres nunhas listas que aínda deberán ser ratificadas polo Comité Federal do partido ao longo deste mes. Javier Losada, Luis Ángel Lago Lage, Miguel Fidalgo e Carmela Silva encabezarán as candidatura ao Senado.

Ademais dos catro cabezas de lista para o Congreso, aparecen en teóricos postos de saída Carmen Marón Beltrán, Ceferino Díaz Díaz, Xavier Carro Garrote e Esther Couto Rivas pola Coruña (aínda que o PSOE podería perder un deputado, debido ao descenso poboacional), Margarita Pérez Herráiz por Lugo, Marta Estrada Ibars e Domingo Tabuyo Romero por Pontevedra. O PSOE aspira ademais a gañar un escano por Ourense, que sería ocupado por Alberto Fidalgo Francisco.


Ligazóns

1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: