Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Sector inmobiliario (III)

Menos vendas, menos construción e menos medre económico

Poden producirse consecuencias negativas para a economía galega, xa que o do ladrillo é un dos sectores máis fortes.

Lucía Iglesias - 09:33 09/01/2008
Cada vez é máis difícil ter unha vivenda propia

Cada vez é máis difícil ter unha vivenda propia

A crise inmobiliaria está a calar fondo no noso país. Os compradores potenciais non se deciden e moitas empresas de pequeno e mediano tamaño están a pechar as súas portas. Ao tempo estase a dar un proceso de concentración de entidades para protexerse desta crise causada en parte polas perdas producidas no último trimestre.

De feito, o número de compravendas por cada 1.000 habitantes en Galiza está, xunto co País Vasco, por debaixo da media estatal, situándose en 2,60, mentres que noutras zonas como a Rioxa o dato chega a superar as seis.

Outra causa do descenso das vendas son os elevados prezos que acadan as hipotecas. Segundo os datos recollidos polo Colexio de Rexistradores no último trimestre de 2007, a cota hipotecaria mensual media con respecto ao salario, supera en Galiza os 630 euros por metro cadrado. É un prezo menos elevado que no resto do Estado, onde pasa dos 830 euros. Isto é debido a que é unha das zonas cun prezo por metro cadrado de vivenda menos elevado, situado nos 118.500 euros, mentres que a media estatal case chega aos 154.000. Porén hai que ter en conta que en Galiza os salarios seguen a ser dos máis baixos do Estado.

Falta de vivenda

O certo é que o problema continúa, e moitos cidadáns seguen sen poder acceder a unha vivenda digna. Ante esta situación, dende o colectivo Vivenda Digna de Ourense están a barallar diferentes xeitos de combater este problema. O principal é a “acción directa da cidadanía”, de xeito que se conciencie á xente para que eviten mercar máis dunha vivenda, e se cingan tan só ás necesidades, evitando caer nas redes da especulación.

Segundo as propias inmobiliarias, existen moitos pisos baleiros, que permanecen deshabitados debido a que os donos non teñen problemas económicos e non lles importa manter as vivendas en venda até que alguén lles ofreza o prezo que solicitan. Hai que engadir ademais o dato de que tan só o 1,65 por cento de todos os inmóbeis construídos en Galiza corresponde a vivenda protexida, o que dificulta aínda máis o acceso a unha vivenda propia.

E se estala a burbulla?
Se os prezos chegan a descender, a economía galega sufriría diversos cambios. En primeiro lugar, habería que ter en conta os efectos da crise de crédito, provocada pola suba dos tipos de xuros. Segundo indica o colaborador de Vieiros Economía, Roberto Ríos, “habería problemas derivados das subas das hipotecas e na dificultade para endebedarse tanto dos consumidores como das empresas”.

O descenso dos prezos da vivenda pode afectar negativamente á nosa economía, debido a que o da construción é un dos sectores máis fortes de Galiza. A caída provoca unha conxelación da actividade no sector a todos os niveis, dende promotoras a construtoras, pasando por intermediarios e financeiras. Isto supón que se dispare o peche de empresas e o aumento do número de parados. O sector supón de maneira directa o 14 por certo do PIB galego, e emprega ao 16 por cento do total dos traballadores, ademais de potenciar as industrias auxiliares e empresas do sector servizos que teñen relación coa construción.

En resumo, o estalido da burbulla suporía en Galiza unha diminución no ritmo de crecemento do PIB para os próximos anos, ao tempo que poría no paro a un bo número de operarios quel teñen relación coa construción.

Continuará o descenso nas vendas
O último informe realizado polo Colexio de Rexistradores prognostica un descenso na compravenda de inmóbeis para o este 2008, e xustifican esta baixada das transaccións á diminución da demanda de inversión orixinada á súa vez pola “redución de expectativas respecto aos prezos dos pisos e ao impacto do aumento dos tipos hipotecarios”. O arrendamento tamén é outra das causas do descenso das vendas, xa que moitos cidadáns deciden agardar até que a situación sexa máis favorábel.


4.43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A construción supón o 14 por cento do PIB galego
A construción supón o 14 por cento do PIB galego
Os colectivos a prol dunha vivenda digna maniféstanse polos seus obxectivos
Os colectivos a prol dunha vivenda digna maniféstanse polos seus obxectivos
Plantexan a ocupación como unha posíbel solución
Plantexan a ocupación como unha posíbel solución