Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O ESPAZO, PROGRAMA DE CULTO NOS 90, VOLVE EMITIRSE NA REDE

Regresa 'Gorevisión', o primeiro astronauta galego

Cada xoves, a partir do 27 de decembro, colgarase un dos 36 programas emitidos en 1994 pola televisión local de Narón.

Marcos S. Pérez - 10:09 19/12/2007

No Nadal de 1993, un grupo de rapaces premíalle ao rec nun estudio de Ferrolterra. Nacía Gorevisión, un espazo televisivo rupturista, ácrata, conectado coas novas iniciativas culturais da comarca: novas bandas de música, curtametraxes, fancines..., moi friki e moi cutre, unha fiestra de aire fresco. O Xabarín Clube naceu en abril de 1994, e en certa forma (con máis medios e un espírito menos rupturista) representou para toda Galiza o que Gorevisión foi para a mocidade de Trasancos.

Gorevisión estivo en antena 36 semanas, emitindo no prime time dos xoves da pioneira Televisión Local de Narón espazos de media hora, unha hora e mesmo hora e media nas súas últimas emisións. Até que desapareceu, de súpeto, sen que se coñezan moi ben os motivos. "Aínda non se sabe, no blog iremos desvelando algunhas claves", apunta Gustavo Harvey, condutor do programa en 1994 e principal responsábel da súa recuperación para a rede, canda a Basesanxoan (Norman Lourido), outro dos supervivintes da aventura.

A partir do xoves 27 de decembro, ás nove e media da noite, comezarán a colgarse na web GorevisionTV os 36 programas emitidos, un por semana.

Carlos Alberto Alonso, Blood Filloas e o Xabarín

O director de Gorevisión era Carlos Alberto Alonso (As Muxicas, The End, A Casa de 1906) e polo espazo pasaron bandas de música como Blood Filloas (que compuxeron a sintonía de cabeceira) ou Os Maruxas, proxectáronse curtametraxes de novos creadores galegos e realizáronse entrevistas a novos autores. É inevitábel poñelo en referencia co Xabarín Club, que comezou uns meses despois (lémbrese por exemplo o vídeo de Satélite Xabarín) ou con iniciativas actuais, como Komunikando TV.

Gorevisión era o primeiro satélite posto en órbita por Galiza, co primeiro astronauta galego. O programa debe ser entendido no seu contexto, unha comarca de Ferrolterra soterrada na post-reconversión industrial, "os oitenta foran anos de loita social, de autoxestión cultural e de desgaste psicolóxico que, finalmente, afectaron de xeito definitivo a toda unha xeración que nunca volveu ser a mesma", di Gustavo Harvey, que salienta que Gorevisión foi "unha pequena bafarada de ar fresco, un espazo libertario no que tiveron cabida música, cinema e toda clase de frikismo naïf".

Gustavo Harvey conclúe que o programa "é a crónica dunha época, un catálogo de propósitos e despropósitos que só uns poucos privilexiados tiveron a oportunidade de ver e que, agora, grazas ás novas tecnoloxías, estará dispoñíbel en formato dixital".


Outra das presentacións do programa


Os Blood Filloas, en Gorevisión


5/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Un intre da gravación do programa
Un intre da gravación do programa
O equipo de 'Gorevisión'
O equipo de 'Gorevisión'
O realizador Carlos Alberto Alonso, director do programa
O realizador Carlos Alberto Alonso, director do programa