Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Á espera das xuntanzas deste mércores

Os traballadores frean as obras do porto exterior en demanda de seguridade

Hai un ano a construción do porto exterior da Coruña xa estivera paralizada varias semanas ao detectarse que as adxudicatarias non se adaptaran ás normas de seguridade.

Redacción - 11:15 28/11/2007

O Comité de Empresa decidiu que cando menos durante toda a xornada deste mércores non se traballe nas obras en Punta Langosteira. Ao longo do día haberá unha primeira reunión entre representantes da Autoridade Portuaria e a Unión Temporal de Empresas encargada das obras. Posteriormente, a dirección do porto terá unha xuntanza cos representantes sindicais.

O camión caixa abatíbel de rodas todo-terreo manexado por X.R.F.M caeu este martes por un noiro situado nun desmonte na zona sur da construción do porto exterior da Coruña, en Punta Langosteira. O traballador, de 43 anos de idade, faleceu pouco despois da chegada da ambulancia, non podendo facer nada os sanitarios para evitar o seu falecemento.

A función do vehículo consiste, precisamente, en desprazar pedras de grande tamaño dos desmontes cara á embarcación que realiza labores de colocación de material para a construción de diques. O talude onde se produciu o sinistro está sinalizado con filas de pedra e ten un largo de 25 metros. Segundo a Autoridade Portuaria, trátase dunha superficie de seguridade pola que poden caber tres camións das mesmas características.

O falecido estaba contratado pola empresa PEAL, subcontrata pola Unión Temporal de Empresas Langosteira, integrada á súa vez por Dragados, Drace, Copasa e Sato. Había mes e medio que traballaba en Punta Langosteira.

Ano e medio despois de que a Inspección de Traballo parase temporalmente as obras
En febreiro de 2006, a propia Autoridade Portuaria recoñecera as eivas na prevención dos sinistros laborais que arrastraban as obras dos novos peiraos, coincidindo co falecemento do terceiro traballador. Daquela, as obras permaneceran pechadas durante varias semanas, dando tempo a que o grupo de empresas adxudicatarias adaptasen os requirimentos mínimos de seguridade esixidos pola inspección de traballo. A polémica incluíra tamén o presunto ocultamento de datos sobre os accidentes, denunciado polos sindicatos.

Representantes dos traballadores reuníronse de urxencia na noite do martes e estaba previsto que se xuntasen tamén este mércores co presidente da Autoridade Portuaria, Macario Fernández-Alonso, co director xeral do porto, co director de obra, co de Infraestruturas da Autoridade Portuaria e co director da UTE.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: