Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Comeza o debate sobre a Lei da Minaría

Entre a protección dun sector económico e o impacto no patrimonio natural

SLG e ADEGA entregan as conclusións das Xornadas da Minaría aos tres grupos da Cámara para que poidan ser incluídas na norma. O PPdeG presenta unha emenda á totalidade.

Redacción - 14:35 27/11/2007

A Lei de Ordenación da Minaría comezou este martes o seu trámite parlamentario coa presentación das emendas ao texto, elaborado pola Consellaría de Industria e aprobado polo Consello de Goberno, por parte dos tres grupos da Cámara.

Tamén, o Sindicato Labrego (SLG) e mais ADEGA aproveitaron a xornada para entregaren a populares, nacionalistas e socialistas as conclusións das Xornadas da Minaría organizadas o pasado mes de outubro en Vilalba (poden ampliar esta información no Canal Verde de Vieiros), e que poidan ter constancia na lei.

BNG e PSdeG rexeitaron a emenda á totalidade presentada polo PPdeG. A norma pasa agora a ser debatida en Comisión, e posteriormente volverá a pleno para ser ratificada ou rexeitada.

Regularizar máis do 50% das explotacións alegais

Fernando Blanco, deputado do BNG e conselleiro de Industria, defendeu o texto xa que vai "pechar a cadea de valor da actividade extractiva galega", reforzará a inspección de riscos laborais e impulsará a creación do Consello da Minaría e dun rexistro desta actividade.

A nova lei reducirá nun 90% a superficie habilitada para realizar exploracións. Blanco asegurou, ademais, que esta actividade estará condicionada "por razóns de prioridade ambiental", que contará cun corpo de inspectores para velar do seu cumprimento.

Tamén, lembrou que hai 214 concellos no país que desenvolven algún tipo de actividade relacionada coa minaría, así como un total de 500 explotacións, das que 277 (máis do 50%) están por regularizar, situación de alegalidade que mudará coa aprobación desta norma, primeira do Estado dende que en 1973 se ditou a lexislación básica.

O PPdeG pide a legalización automática

Neste senso o PPdeG, por medio do seu voceiro de Industria, Anxo Bernardo Tahoces, cuestionou a utilidade da lei ante una posíbel actualización da norma estatal, e pediu a legalización automática de todas as minas que no estean na Rede Natura e que só lles falte a licenza municipal. Así, afirmou que o texto "deixa sen resolver a situación de inseguridade xurídica na que están inmersas" estas empresas.

"En 16 anos tiveron tempo abondo para legalizalas", replicoulle o deputado socialista Manel Gallego, que acusou os 'populares' de presentar a emenda á totalidade co obxectivo de adiar a norma, malia "a imperiosa necesidade de regulamentar o sector".


4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: