Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
GALIZA, NA FEIRA DO LIBRO DE GUADALAXARA

As letras galegas viaxan a México

Será a primeira vez que Galiza conte cun expositor de seu na máis importante feira editorial de Latinoamérica. Participarán 18 editoriais e presentarase un monográfico de poesía galega da revista Reverso

Redacción - 11:38 22/11/2007

Está sendo un ano de impulso da literatura galega no exterior. Primeiro foi Frankfurt, agora chega a Feira do Libro de Guadalaxara (México) e en febreiro Galiza será o país convidado na Feira do Libro da Habana. En México, desde o sábado día 24 de novembro até o domingo día 2 de decembro, un total de 18 editoriais galegas poderán amosar as súas novidades e establecer contactos con diferentes actores do sector. Ánxela Bugallo apoiará coa súa presenza a delegación galega.

Precisamente, a conselleira aproveitará o marco desta feira, que reúne gran parte do sector editorial de Latinoamérica e tamén empresas provintes de todo o mundo, para dar a coñecer o programa de actividades que se desenvolverán en febreiro na Feira do Libro da Habana, onde Galiza será por primeira vez país convidado. Esta presentación pública terá lugar o luns día 25 ás 11 horas.

Monográfico sobre poesía galega
O sábado día 24 tamén se presentará un número monográfico sobre poesía galega que edita Reverso, unha revista mexicana que ocupa un lugar de referencia no mundo literario. A experta Teresa Seara escolleu para este especial textos de Luz Pozo Garza, Xohana Torres, Manuel Álvarez Torneiro, X. L. Méndez Ferrín, Xosé María Álvarez Cáccamo, Xulio L. Valcárcel, Xavier Seoane, Chus Pato, Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán Vello, Eva Veiga, Olga Novo, Yolanda Castaño, e Emma Pedreira Lombardía, con ilustracións de Alfonso Costa.

Así mesmo, dentro da delegación galega asisten representantes do PEN Clube de Galicia, que levarán a cabo un acto literario dentro do recinto da Feira o luns día 25 ás 20 horas. Participarán Luís González Tosar, Camiño Noia, Bieito Iglesias e Gonzalo Navaza.


4,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: