Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Máis de 200 novas prazas

Para traballar na CRTVG non cómpre saber galego

A CIG-Servizos denuncia que, nalgunhas categorías laborais, a proba que certifica o coñecemento da lingua non vai ser eliminatoria na vindeira Oferta de Emprego Público.

Redacción - 18:35 15/11/2007

A CIG-Servizos, nun seu comunicado, "rexeita rotundamente" que a dirección da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) consinta que a proba de galego non sexa eliminatoria para acceder á maioría de categorías profesionais no proceso selectivo da vindeira Oferta de Emprego Público.

Pola contra, a non obrigatoriedade de pasar a proba de galego é un dos puntos do novo convenio colectivo que foi acordado entre o ente público e os outros sindicatos con representación na compañía: UXT, USO e CCOO.

Para a CIG, "a situación é grave", sobre todo porque a vindeira vai ser unha Oferta de Emprego Público de 220 prazas, cifra que representa o 40% de traballadores fixos do actual cadro de persoal da CRTVG.

A CRTVG admitía que o seu galego é "manifestamente mellorábel"
A finais de outubro, Sánchez contestaba no Parlamento a unha pregunta do BNG na que recoñecía a "mala calidade lingüística" dos seus profesionais e prometía "ser máis rigoroso á hora de levar adiante as próximas ofertas de emprego, -a última é de 1992-" para conseguir que "o persoal da CRTVG acredite o seu pleno dominio oral e escrito da lingua naquelas categorías profesionais que así o precisen".

Segundo a CIG, o director xeral da compañía, Benigno Sánchez, está a incumprir as súas promesas ao contemplar só o carácter eliminatorio do galego para categorías como redactor, locutor ou documentalista, sen aplicar este baremo ao resto de postos.


3,11/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: