Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO QUINTO CABODANO

Espertou o Prestige a conciencia ecolóxica en Galiza?

Fixémonos a pregunta apenas un ano despois do afundimento do petroleiro. Cinco anos máis tarde, paga a pena volver nela: como mudou o suceso a percepción social da necesidade de loitar pola defensa do ambiente?

Redacción - 09:00 13/11/2007

Rematou o peche pero non a batalla. Os veciños de Mehá concluían 110 días de encerro a pasada fin de semana. Son moitos meses máis os que levan contra a planta de Reganosa, un proxecto que podía terse construído noutro lugar, pero que teimudos intereses levaron a pé das súas casas. Seguirá o berro: Por un mar limpo, por unha ría con futuro

O fin de semana anterior, outro berro: "Inxusto e indecente", cualificativos adicados ao Plan Acuícola recentemente presentado. Corrubedo era escenario da protesta contra a Inxección de millóns e prebenda de espazos para un modelo acuícola discutíbel

Un caso vencellado ao contorno das piscifactorías, o de Pescanova, escollémolo tamén como paradigma da presión desde certos sectores socioeconómicos se despregou para tratar de frear os avances cara ao desenvolvemento sostíbel. Daquela, preguntabámonos: arramplamos co país ou apostamos polo desenvolvemento sustentábel. Relacionado con isto, reparamos tamén na xeografía de irregularidades, un mapa das desfeitas que a presión social conseguiu que as políticas do Goberno atenderán.

Son exemplos posíbeis, e hai moitos máis. Cinco anos logo do afundimento do Prestige, reparamos na actualidade do que reflexionabamos pouco despois:

Se ás estatísticas nos remitimos, as preocupacións medioambientais non acostuman a estar entre as prioridades dos cidadáns. Pero dende os colectivos que traballan máis activamente pola defensa do medio insisten que a sociedade responde cando é preciso, a crise do Prestige sería bo exemplo, e aseguran que a tendencia permite sermos optimistas. A advertencia: empresas e administracións non recollen ese estado de opinión e o medio ambiente é adorno nos programas electorais.

A implicación directa dos cidadáns en asuntos medioambientais é pequena e está demasiado marcada por cuestións puntuais. O aprecio social que acumula o movemento ecoloxista non se reflicte abondo na participación que conseguen para o seu labor cotiá. A sociedade responde a chamadas concretas das asociacións que agora lle requiren un paso máis. Neste contexto, os grandes temas monopolizan a atención, e falta avanzar outro chanzo e atender ao contorno máis próximo.

A defensa da natureza, o compromiso co respecto ao medio ambiente e o apoio a un desenvolvemento sostíbel non se resumen en nocións illadas que poidan resolverse con propostas concretas. Responden a un concepto global sobre o noso futuro e o modelo de sociedade que queremos. Por isto, requiren ser tratados transversalmente e estar na base de proxectos máis amplos que partan do diálogo. Neste camiño é básico o respecto e a consideración das voces dos colectivos que levan anos traballando con esta fin.


3,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: