Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Os alcaldes das cidades reúnense na cuarta feira

Fixando estratexias comúns contra os botellóns

Os alcaldes das sete cidades galegas xuntaranse en Compostela para estabelecer unha estratexia común e poder enfrontarse aos problemas que están a xerar os botellóns.

Redacción - 09:00 17/10/2007
Unha imaxe de defensa do botellón / Flickr: Brocco Lee

Unha imaxe de defensa do botellón / Flickr: Brocco Lee

Foi o alcalde de Compostela, Sánchez Bugallo quen falou cos medios, declarándose partidario de determinadas medidas como a prohibición da venda de alcol pola noite. Tamén pediu a mediación da Xunta no asunto.

O alcalde compostelán respondía deste xeito a unha pregunta da oposición (PP) que lle lembraba a Bugallo na terza feira que unha das medidas que pode empregar para combater o botellón é a Ordenanza de Convivencia, Residuos e Limpeza, á que debera botar man, segundo os populares.

De todos os xeitos Bugallo considera que el posúe "medios humanos e materiais limitados" para enfrontarse a un problema que todas as quintas feiras é noticia nos medios de comunicación galegos.

Loitando contra os botellóns

O botellón é un tema recorrente esta semana e mesmo saíu da propia Xunta unha posíbel solución. A directora xeral de Comercio da Consellaría de Innovación e Industria, Ana Rúa quixo lembrarlles aos alcaldes que poden limitar a venda de bebidas alcólicas nos comercios, aplicando a Lei de Horarios Comerciais, que lles permite "acordar de xeito regularizado e por razóns de orde pública" a prohibición de vender alcohol das dez da noite ás nove da mañá.

Mais Rúa quixo salientar que esta medida é proposta dende a Xunta para dar unha solución ao chamado fenómeno do botellón, que estes días enche de titulares os xornais, mais dun xeito "estritamente comercial", sen afondar no problema social que hai detrás.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: